Inicio Galicia Xunta e Asime abordan novas liñas de colaboración para seguir impulsando a...

Xunta e Asime abordan novas liñas de colaboración para seguir impulsando a formación e o emprego na industria do metal

0
image_gallery.jpg

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo unha xuntanza coa directiva de Asime, seguindo a rolda de contactos que está a manter cos principais axentes sociais e económicos de Galicia


A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo unha xuntanza coa directiva da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime) para abordar novas liñas de cooperación co obxectivo de seguir impulsando a formación e o emprego no sector do metal, unha industria estratéxica para a Comunidade Autónoma que representa máis do 20% do PIB e emprega a máis de 67.000 persoas traballadoras. A xuntanza enmárcase na rolda de contactos que está a manter a titular de Emprego e Igualdade cos principais axentes sociais e económicos de Galicia.

Lorenzana sinalou a importancia de abrir novas vías de cooperación a través da cualificación especializada. Neste senso, lembrou que a Xunta ten en marcha un Plan específico de formación para o sector naval, que permitiu entre 2017 e 2019 a realización de 416 cursos cun investimento de 17,36M€, formando a máis de 5.000 profesionais e que ten continuidade no período 2020-2022 co desenvolvemento de 435 cursos para beneficiar a 5.220 alumnos e alumnas, e cun investimento previsto de 18M€. Ademais, a Administración autonómica traballa nun programa específico para a inserción laboral de 500 empregados do naval (Empreganav).

Na xuntanza, a patronal do metal presentou á conselleira o traballo que desenvolve a organización, formada por máis de 600 empresas e cunha traxectoria de máis de 20 anos promovendo a inserción laboral deste sector a través de diferentes actuacións como os programas integrados de emprego que promove a Xunta. Ademais, abordáronse tamén aspectos relacionados coa negociación colectiva sectorial, así como asuntos vencellados á seguridade e saúde laboral. Neste senso, Asime lembrou que o seu Servizo de Prevención Mancomunado aglutina a máis de 100 empresas e mantén unha estreita colaboración co Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga).

Así mesmo, tratáronse asuntos relativos á igualdade. Neste ámbito, Xunta e Asime avaliaron a situación actual da inserción laboral da muller no sector industrial destacando os importantes avances logrados nos últimos anos e a importancia de seguir traballando da man para seguir progresando neste senso.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre