Inicio Galicia Xunta e as federacións náuticas traballan nun protocolo marco para todos os...

Xunta e as federacións náuticas traballan nun protocolo marco para todos os deportes de auga que ?en breve, poderán desenvolver a súa actividade?

0

Nesta semana producíronse reunións coas federacións deportivas galegas de motociclismo, motonáutica, xadrez, tiro con arco, tiro olímpico, tenis de mesa, pádel, tenis, kung fu e kickboxing, ademais dunha xuntanza global con todas as federacións náuticas


A Secretaría Xeral para o Deporte continua coa súa serie de encontros virtuais con todo o tecido deportivo galego para estudar as diferentes medidas a tomar para minimizar os prexuízos da declaración do estado de alarma por mor do coronavirus no eido deportivo. Esta semana foi a quenda das federacións deportivas galegas de motociclismo, motonáutica, xadrez, tiro con arco, tiro olímpico, tenis de mesa, pádel, tenis, kung fu e kickboxing, ademais dunha xuntanza global con todas as federacións náuticas. Con todas elas, o secretario xeral abordou a súa situación financeira e principais necesidades, ademais de avanzar no Plan de Reactivación do Deporte Galego cuxa ferramenta FISICOVID-DXTGALEGO xa está en marcha para a identificación de situacións de contaxio na práctica do deporte galego. O secretario xeral gabou a responsabilidade e o traballo das federacións deportivas galegas que, na súa maioría, xa contan cun protocolo propio de volta á actividade.

Reunión coas federacións de deportes náuticosAs federacións deportivas de actividades subacuáticas, motonáutica, vela, piragüismo, natación, salvamento e socorrismo, esquí náutico, remo, surf así como a UFEDEGA, foron informadas das diferentes reunións da Xunta de Galicia co CSD e a falta de resposta desta institución ante as cuestións expostas desde Galicia. Deste xeito, Secretaría Xeral e federacións acordaron traballar nun protocolo de volta á actividade para os deporte náuticos xa que o CSD non é consciente desta realidade e necesidade do deporte galego. “Elaboraremos un protocolo marco para todos os deportes náuticos e de auga porque en breve poderán desenvolver a súa actividade”, dixo o secretario xeral.

Federación Galega de MotociclismoLete Lasa e o presidente da federación galega, José Canda, analizaron a situación do motociclismo galego que ata o de agora só puido levar a cabo o Campionato do mundo de Superenduro realizado en xaneiro. A situación actual impide realizar o resto de campionatos previstos, especialmente os internacionais que xa se dan por cancelados. Ambos mandatarios valoraron a posibilidade de retomar a actividade cara final de ano e o presidente da federación informou de que traballa nun protocolo de volta á normalidade de fácil implementación para este deporte individual sen contacto e con cascos e luvas.

Federación Galega de MotonáuticaSecretario xeral e presidente, José Fernández, analizan a posible volta á actividade tendo en conta a situación actual. A día de hoxe xa se dan por cancelados o Campionato do Mundo de Endurance Class B, Campionato de Europa de Radiocontrol e o Campionato de España Rallyjet. A situación económica da federación tamén foi obxecto de estudio, xa que gran parte dos ingresos da federación proveñen das licenzas dos “Cursos e expedición de títulos náuticos”, que agora mesmo non é posible levar a cabo. Confíase que se poidan retomar na fase II.

Federación Galega de XadrezTras abordar que a volta á normalidade vese actualmente limitada polas esixencias establecidas no protocolo do CSD, o presidente da federación, Gaspar Pérez, informou que, con cargo ao convenio coa Xunta, a federación xa traballa na adquisición do material sanitario necesario para aos clubs para retomar a actividade con garantías. Tráballase na posibilidade de retomar a actividade en xullo, coa continuación dos campionatos en idade escolar en Granada segundo a previsión da Federación Española. En consecuencia, con carácter previo en Galicia teranse que celebrar os clasificatorios. Cómpre sinalar qua a federación xa dispón dun protocolo de volta á actividade.

Federación Galega de Tiro con ArcoTras analizar o protocolo de volta á normalidade do CSD e as esixencias deste que impiden que moitos clubs retomen a actividade, o presidente da federación, Iñaki Fariña, informou que xa teñen avanzado propostas de protocolos para a volta á actividade axustados á realidade do seu deporte. Neste sentido traballan nunha proposta da federación española na que a federación galega ampliou a distancia interpersoal de 1,5 a 2 metros. Exponse a posibilidade da volta á actividade en canto se permitan os desprazamentos no ámbito da comunidade.

Federación Galega de Tiro OlímpicoO presidente da federación, José María Fajardo, informou da previsión de continuar coa actividade no mes de xullo cun campionato por provincia para o que xa traballan nun protocolo de volta á normalidade.

Federación Galega de Tenis de MesaO presidente da federación, José Luis Cabaleiro, informou que a federación vén de mercar, no marco do convenio coa xunta, material hixiénico sanitario de protección para adestramentos e competicións. A federación de tenis de mesa xa aplica medidas de fomento económico, aprazando o pago das inscricións do mes de xullo, e outorgando unha moratoria de 3 meses aos clubs con dificultades. Na tempada 2020/21 vanse reestruturar as ligas facéndoas con grupos máis pequenos e retomarase a competición cara finais de ano ou principios do 2021.

Federación Galega de PádelO presidente da federación galega, Manuel Fernández, apuntou que a previsión de volta á actividade é para este verán, aínda que algúns dos campionatos -World Padel Tour e Campionato de España de Federacións absolutas- dependen da decisión da Federación Española que aínda non se pronunciou. A preocupación é máxima pola paralización da actividade dos clubs. Por unha banda pola deficiente claridade das normas de desescalada respecto á apertura dos centros indoor. Por outra banda, considérase discriminatoria a prohibición da práctica do pádel 2×2, en comparación a outras actividades sociais, culturais e deportivas permitidas.

Federación Galega de TenisO secretario xeral e o presidente da federación, José Mosquera, analizaron a situación da competición. Neste sentido valorouse a posibilidade de celebrar ou non os torneos ITF en Ourense e Vigo para o mes de agosto. Do mesmo xeito que no pádel 2×2, considérase discriminatoria a prohibición da práctica deportiva de 4 persoas (dobres) polo que se trasladará unha petición ao CSD.

Federación Galega de Kung FuO presidente da federación, Carlos Alonso, informou que traballan cos clubs de xeito online para manter a actividade dos deportistas. Valorase a posibilidade da volta á actividade en xullo. A preocupación é moi grande tendo en conta que actualmente os clubs están pechados e os centros escolares tamén, onde se desenvolve gran parte da actividade deportiva. Trabállase nun protocolo volta á normalidade, xa que sería posible adaptar o sistema de competición a un deporte sen contacto, sobre todo no caso de katas e taos.

Federación Galega de KickboxingA presidenta da federación, Josefina González explicou como a situación actual afectou ao plan de promoción da súa modalidade deportiva a través da creación de clubs e incremento de licenzas. Formúlase a posibilidade de retomar a tempada 2020 no último trimestre do ano para o que se traballa na elaboración dun protocolo.

O enderezo electrónico para as consultas estritamente deportivas como consecuencia da situación de COVID-19 segue funcionado a pleno rendemento para clubs e federacións (incidencias-federacions.deporte@xunta.gal). 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre