Inicio Galicia Xunta e arquitectos opóñense á modificación unilateral do plan estatal de vivenda,...

Xunta e arquitectos opóñense á modificación unilateral do plan estatal de vivenda, que xera 3.000 empregos en Galicia

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo esta mañá unha videoconferencia coa decana do Colexio de Arquitectos de Galicia, Elena Ampudia, quen lle trasladou a inquedanza do sector polas últimas decisións do Goberno central en materia residencial


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo esta mañá unha videoconferencia coa decana do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), Elena Ampudia, co fin de analizar as últimas medidas anunciadas polo Goberno central en materia de vivenda, así como as accións adoptadas neste sentido pola Xunta co fin de ofrecer garantías desde o punto de vista residencial aos colectivos máis vulnerables fronte á actual crise sanitaria.

Durante a xuntanza, na que tamén participou a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarna Rivas, a decana trasladoulle á conselleira a inquedanza dos arquitectos galegos e doutros colectivos cunha relación directa co sector inmobiliario e a vivenda ante as repercusións que podería acarrerar a aplicación do real decreto de 31 de marzo polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte ao COVID-19.

Neste sentido, Xunta e COAG coincidiron en subliñar que non se pode modificar o contido do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021 de forma unilateral e sen escoitar a comunidades e sectores implicados, e por iso manifestaron a súa oposición a que o Goberno utilice e desvíe fondos xa asignados e na súa maior parte comprometidos, a financiar agora unha nova orde axudas dirixida aos mesmos colectivos vulnerables que se benefician das axudas previstas no devandito plan.

A modo de exemplo sobre as posibles consecuencias desta decisión, lembraron que grazas ás subvencións do Plan de Vivenda en Galicia xéranse cada ano preto de 3.000 postos de traballo. Por iso, a conselleira de Medio Ambiente trasladoulle unha mensaxe de tranquilidade e subliñou que a Xunta ten intención de seguir destinando os preto de 42 millóns de euros que ten asignados a comunidade neste plan para os anos 2020 e 2021 ás axudas e aos programas que xa están en marcha e publicados nestes momentos, porque “hai uns dereitos adquiridos”.

Do mesmo xeito, Vázquez Mejuto subliñou que confiscar os orzamentos que as comunidades tiñan comprometidos en materia de vivenda para poder financiar os programas e as decisións do Goberno central, “non é serio” e pode lastrar aínda máis a economía.“Non podemos dicir que 75.000 familias galegas van recibir entre 400 e 900 euros mensuais durante varios meses continuados cando o Goberno saca unha orde sen ningún tipo de financiamento”, resumiu a conselleira, quen engadiu que así llo trasladou esta fin de semana o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao seu homólogo estatal, Pedro Sánchez.

Medidas da XuntaA situación actual obrigou ás Administracións a situarse ao carón de quen máis o precisa, co obxectivo de que a crise provocada polo COVID-19 ocasione o menor prexuízo posible á poboación máis vulnerable. Por iso, a conselleira aproveitou para trasladarlle á decana do COAG as últimas medidas adoptadas en materia residencial por parte da Xunta de Galicia.

Neste sentido, referiuse en concreto á decisión do Goberno galego de asumir o 100% da renda mensual dos beneficiarios da axuda do bono de alugueiro social, ratificada polo Consello da Xunta o pasado 27 de marzo dentro dun paquete de medidas para axudar ás familias galegas máis vulnerables á crise do Covid-19 a afrontar os custos de mantemento da súa vivenda habitual.

Nesta mesma liña, tamén lembrou que a Xunta vén de convocar unha nova orde de axudas especificamente dirixida ás vítimas de violencia de xénero dentro do programa do Bono de Alugueiro Social, co que se garante que un colectivo tan sensible coma este manteña a súa vivenda no actual contexto de alarma.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre