Inicio Galicia Xesús Alonso, Soledad Penalta, Monicreques de Kukas, Amancio Prada, ?O sabor das...

Xesús Alonso, Soledad Penalta, Monicreques de Kukas, Amancio Prada, ?O sabor das margaridas?, Pilar Ponte, a restauración do Pórtico da Gloria e ?Galego en Londres?, Premios da Cultura Galega

0

O xurado dos premios, presidido polo conselleiro de Cultura e Turismo, reuniuse para distinguir os galardoados de 2019 nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior

Xesús Alonso Montero, Soledad Penalta, Monicreques de Kukas, Amancio Prada, a serie de televisión O sabor das margaridas, Pilar Ponte Patiño, a restauración do Pórtico da Gloria e o programa Galego en Londres son os galardoados dos Premios da Cultura Galega 2019. Os premiados foron distinguidos nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior, respectivamente, por un xurado que estivo presidido polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez.

A Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, acolleu a reunión do xurado, do que tamén formaron parte o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo; o vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé Manuel Núñez Seixas; a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da USC, María del Mar Lorenzo; a académica numeraria e tesoureira da Real Academia Galega, Marilar Aleixandre; o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, Manuel Quintana; a xefa do servizo técnico-xurídico da Subdirección Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Patricia Fernández López; a produtora audiovisual, Mamen Quintas; o exdirector do CGAI- Filmoteca de Galicia, Guillermo Escrigas; o presidente da Fundación Otero Pedrayo, Juan Saco e o presidente da Fundación RAC, Carlos Rosón. Actuou como secretaria a subdirectora xeral de Xestión Económica e Recursos Humanos da Consellería de Cultura e Turismo, Cristina Fabeiro.

Xesús Alonso Montero, LetrasNa modalidade de Letras o galardoado é Xesús Alonso Montero, filólogo e historiador da literatura galega. Licenciouse en Filosofía e Letras (especialidade de Filoloxía Románica) na Universidade Central de Madrid no ano 1953. Tres anos despois converteuse en Catedrático de Lingua e Literatura Españolas de Escolas de Maxisterio e, en 1959, seríao de Instituto. Doutorouse en Filoloxía Románica na Universidade de Salamanca coa tese Lengua y estilo de Curros Enríquez en su poesía gallega no ano 1966. Transcorridos oito anos, converteuse en profesor titular de Literatura Española na USC (Colexio Universitario de Vigo) e, en 1989, de Literatura Galega. Chegou a ser, no ano 1991, catedrático de Literatura Galega e, en 1999, Catedrático emérito da mesma Universidade. No ano 2010, foi nomeado Doutor honoris causa da UNED, á que presentou o discurso Cómo cantaron e contaron a Miguel Hernández os poetas galegos nos anos do franquismo. A súa obra abrangue distintas perspectivas da lingua, da historia e da literatura e da sociolingüística.

Soledad Penalta, Artes PlásticasA artista e escultora nacida en Noia en 1943, Soledad Penalta fíxose co Premio da Cultura Galega de Artes Plásticas. Comezou a súa carreira en 1972 traballando coa cerámica e desenvolveu o seu traballo en talleres e seminarios con mestres como Isaac Díaz Pardo. Formouse na Escola de Oficios Artísticos da Coruña (1976-1980). Na década de 1990 comezou a traballar con fundicións en bronce, ferro e aceiro, salientando as esculturas de gran formato para exterior como as que están expostas no parque escultórico da Torre de Hércules, no paseo marítimo da Coruña.

Desde o ano 2018 forma parte, como académica numeraria, da Real Academia Galega de Belas Artes. Participou en diversas mostras individuais e colectivas e ten obras en diversos museos como o Museo Bello Piñeiro, en Ferrol e no Museo de Arte Contemporánea de Cerámicas O Castro, en Sada, entre outros.

Monicreques de Kukas, Artes EscénicasEn Artes Escénicas o recoñecemento é para Monicreques de Kukas, a compañía profesional de teatro de obxectos máis antiga de Galicia e unhas das máis estables do panorama teatral galego. Creada por Marcelino de Santiago e Isabel Rey, neste 2019 cumpre 40 anos de existencia con actividade continuada, nos que produciron máis de 40 montaxes teatrais, entre espectáculos con marionetas, ruadas e teatro de actor. O traballo de Os Monicreques de Kukas céntrase na investigación e creación de novos prototipos de marionetas que lles permiten realizar espectáculos de gran formato dirixidos a todo tipo de público. Considérase un exemplo de arte e de industria cultural, de investigación e innovación, tanto nas técnicas de construción e de manipulación como na procura de novas formas de exhibición, para o que colaboran con gran número de profesionais das artes escénicas, co IGAEM e coa Real Filharmonía de Galicia. As súas obras destacan por unha proposta non violenta, de carácter didáctico e social, e contribúen á normalización do galego coa difusión nesta lingua dun fascinante universo creativo particular. Participan en todos os circuítos teatrais de Galicia, feiras e festivais internacionais.

Amancio Prada, MúsicaOs Premios da Cultura Galega 2019 distinguen a Amancio Prada en Música. Nado en Dehesas (León) no 1949 cantou no coro dos salesianos en Cambados, foi vocalista de orquestina mentres estudaba bacharelato no Bierzo e estudou Ciencias Empresariais en Valladolid. Con 20 anos marcha para París, onde estuda Socioloxía na Universidade da Sorbona e leva a cabo estudos de harmonía, composición e guitarra cos profesores Michel Puig e Silos Manso de Zúñiga. En París edita o seu primeiro disco en 1974 titulado Vida e morte. Participou en gran número de festivais internacionais como o festival de música antiga de Saintes, o festival de música sacra de Maastricht ou o festival de Ravenna, entre moitos outros.

Na súa música, de raíces en gran parte populares, teñen cabida composicións enteiramente propias e cancións baseadas en textos dos máis diversos poetas, entre os que cabe citar a Rosalía de Castro, Federico García Lorca, Agustín García Calvo e Chico Sánchez Ferlosio.

Mención á parte merece a súa versión para voz, guitarra, violín e violonchelo do Cántico espiritual de San Juan de la Cruz, que mereceu varias reedicións e o acordo unánime da crítica.

Na súa obra aparecen de xeito recorrente temas en galego, a súa lingua familiar, falada da rexión da que procede, O Bierzo.

A súa traxectoria profesional mereceu diversas distincións entre as que cabe destacar a Medalla IV Centenario de San Juan de la Cruz (1991), a Medalla de Ouro do Círuclo de Bellas Artes de Madrid (2001), o Premio Xarmenta (2006) e a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes (2010).‘O sabor das margaridas’, AudiovisualO galardón en Audiovisual é para a serie O sabor das margaridas, a primeira serie, integramente en galego, incluída no catálogo da plataforma Netflix. Consta de seis capítulos e é unha produción de CTV, Comarex e TVG. A trama desenvólvese nunha pequena vila do interior de Galicia onde nunca pasa nada e que se ve asaltada pola desaparición dunha rapaza que traballa nunha gasolineira. A chegada dun tenente da sección xudicial da Garda Civil vulnera a calma cando se presenta no cuartel do Corpo e pide axuda aos seus compañeiros.

A evolución dos personaxes é un dos avais máis significativos da miniserie. A estética e beleza das paraxes naturais galegas, as subtramas que debuxan paulatinamente o escenario final, os xiros de guión inesperados, a sinxeleza dos diálogos e o nivel de intriga que conserva ata o final, manteñen o espectador pegado á pantalla.

A serie foi escrita por Ghaleb Jaber Martínez e os guionistas Eligio Montero e Raquel Arias. Dirixida por Miguel Conde, a serie está protagonizada por María Mera, Tony Salgado, Miguel Ínsua, Ricardo de Barreiro e conta coa colaboración especial de Nerea Barros.

Pilar Ponte Patiño, LinguaEn Lingua a premiada é Pilar Ponte Patiño, profesora do IES da Pobra do Caramiñal de lingua e literatura galegas que, no ano 2012, creou no centro docente onde imparte clases o proxecto 21 días co galego, co que anima as mozos do instituto a se expresar en galego durante tres semanas, todo o día e con todo o mundo, actuando así a prol do idioma nun tramo de idade vital para o futuro da lingua e no que o proceso de substitución lingüística polo castelán se acelerou notablemente nos últimos anos.

A docente creou a iniciativa co obxectivo de que o alumnado da Pobra do Caramiñal acadase unha maior competencia na lingua do país e unha mellor conciencia lingüística a través de actividades variadas, sempre concibidas para levar o idioma sobre todo a aqueles eidos onde nunca estivera na vida dunha parte importante dos e das adolescentes. Desde 2014 é un proxecto de centro que implica a todo o alumnado de ESO e bacharelato. No ano 2015 recibiu o Premio á innovación educativa en normalización lingüística.

A restauración do Pórtico da Gloria, Patrimonio CulturalO galardón na modalidade de Patrimonio Cultural recaeu na restauración do Pórtico da Gloria. O programa Catedral de Santiago foi promovido pola Fundación Catedral e a Fundación Barrié coa colaboración da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e o Instituto do Patrimonio Cultural de España do Ministerio de Cultura y Deporte. O proceso de restauración desenvolveuse en varias fases, en 2009 iniciáronse os estudos e o diagnóstico que permitiron a redacción dunha proposta de intervención. En 2015 completouse a montaxe das estadas para poder acceder a todos os relevos do nártex, abordando a intervención directa sobre os materiais. Desde o seu inicio o proxecto apostou pola investigación e a súa duración no tempo permitiu atraer a numerosos especialistas nacionais e internacionais de todas as disciplinas, que achegaron a súa experiencia para profundar no coñecemento de diversos aspectos como as diferentes etapas construtivas, as transformacións do espazo, o seu uso, significación, programa iconográfico, materiais empregados para a talla, técnicas decorativas utilizadas para o policromado e a adaptación da súa estética ao longo dos séculos.‘Galego en Londres’, Proxección ExteriorO proxecto Galego en Londres, Premio Cultura Galega de Proxección Exterior, está desenvolvido por un grupo de alumnos e alumnas de lingua e cultura galegas do Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres, de diferentes niveis, desde Educación Primaria ata Bacharelato. Uns son nados en Galicia, outros son galegos nados en Londres e outros queren saber máis de Galicia.

As materias que se imparten no centro son Galego 1º ESO, Galego 2º ESO, Galego 3º ESO e Galego 4º ESO. Ademais en Educación Primaria hai galego como actividade extraescolar para dous grupos: un día para os cativos de 1º, 2º e 3º, e outro día para os de 4º, 5º e 6º.

As súas actividades supoñen un gran pulo ao coñecemento da lingua e cultura da Galicia fóra do seu ámbito xeográfico que a enriquecen e poñen en valor.

O recoñecemento á excelencia creativa, á capacidade de intercambio, á experimentación e á proxección da construción cultural de Galicia nos diferentes ámbitos son o principal obxectivo dos Premios da Cultura Galega, convocados polo Goberno galego a través da Consellería de Cultura e Turismo.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre