Inicio Galicia Xestur licitará obras e servizos nos parques empresariais de Lugo e Lalín...

Xestur licitará obras e servizos nos parques empresariais de Lugo e Lalín por importe de máis de 3,6 millóns de euros

0

O Consello de Administración da sociedade acordou autorizar a continuación dos expedientes de licitación de obras de urbanización e o seu control de calidade no parque lucense das Gándaras

A empresa pública Xestur continuará coa tramitación de diversos expedientes de contratación de obras e servizos no parque empresarial de As Gándaras (Lugo) e no polígono de Lalín (Pontevedra). Así o acaba de acordar o Consello de Administración da sociedade, que se reuníu por medios telemáticos para autorizar a súa continuación ao consideralos esenciais para a protección do interese xeral.

Desta maneira, Xestur poderá seguir coa tramitación dos expedientes para a licitación das obras de explanación, urbanización e electrificación da ampliación do parque empresarial de As Gándaras (Lugo) e coa contratación dos servizos de control de calidade da urbanización deste mesmo polígono lucense. Así mesmo, o acordo tamén beneficiará á modificación do Plan de Sectorización e redacción do proxecto de urbanización da cuarta fase do Polígono Empresarial lalinense.

Actuacións concretasConcretamente, Xestur licitará a ampliación do parque empresarial das Gándaras por un importe de preto de 3,42 millóns de euros (IVE incluído) e un prazo de execución de 10 meses, así como o control de calidade desta obra, que se licitará por máis de 42.000 euros (IVE incluído) e o mesmo prazo de execución.

A ampliación desta gran área empresarial lucense contará cunha superficie total de 90.801 metros cadrados, dos que 33.990 metros corresponderán a parcelas.

Polo que respecta ao parque empresarial de Lalín, Xestur licitará o contrato de servizo para a modificación do Plan de Sectorización e redacción do proxecto de urbanización da cuarta fase, por importe de máis de 181.000 euros (IVE incluído) e un prazo de execución de 18 meses. A ampliación do polígono lalinense terá unha superficie industrial estimada de preto de 200.000 metros cadrados.

Medidas fronte ao COVID 19Por outra parte, o Consello de Administración de Xestur tamén tratou sobre as medidas adoptadas pola sociedade para facilitar a reactivación económica e a actividade das empresas que accedan ao solo empresarial promovido pola mesma.

Nese sentido, cómpre lembrar que desde o pasado mes de abril e mentres dure o estado de alarma, Xestur non está xirando os recibos de alugueiro dos locais comerciais adxudicados en réxime de alugueiro, nin das parcelas en parques empresarias en réxime de alugueiro ou en dereito de superficie.

Ademais, as empresas adxudicatarias de parcelas en dereito de superficie que se atopen en dificultades para o pago do canon correspondente poderán solicitar, ata tres meses depois do remate do estado de alarma, un período de carencia de 12 meses.

Por outra parte, na adxudicación de novas parcelas de solo empresarial en forma de dereito de superficie, o período de carencia dun ano poderá estenderse ata tres, ampliándose tamén en dous anos -é dicir, de seis a oito- o período en que poden acceder á adquisición da parcela beneficiándose dunha bonificación no seu prezo.

Polo que respecta a parcelas adxudicadas en réxime de compravenda, o período para facer efectivo o pago das mesmas ampliarase ata os seis meses dende a adxudicación, fronte ao prazo actual, fixado nun mes. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre