Inicio Galicia Varios expertos internacionais abordarán a vindeira semana a adaptación da economía mariña...

Varios expertos internacionais abordarán a vindeira semana a adaptación da economía mariña ao Pacto Verde Europeo na edición virtual do Business2sea 2020

0

Este evento organizado por Galicia e Portugal celebrarase entre o 16 e o 20 de novembro de xeito telemático ante a alerta sanitaria pola covid-19 e incluirá conferencias, talleres, curtas do mar e encontros de negocios

Varios expertos internacionais abordarán a próxima semana diferentes cuestións relativas ao financiamento da economía azul e o Pacto Verde Europeo (European Green Deal) na edición virtual 2020 do Business2Sea, que se desenvolverá do 16 ao 20 de novembro e que está organizado polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, dependente da Consellería do Mar, e o clúster do mar de Portugal, Forum Océano.

Este evento, que este ano se celebra de xeito telemático ante a alerta sanitaria pola covid-19, incluirá conferencias, talleres e reunións de proxectos de investigación como as tradicionais curtas do mar e os encontros de negocio e neles abordaranse diferentes aspectos para afrontar os desafíos de adaptación da economía mariña ao Pacto Verde.

O obxectivo é identificar vías máis eficientes en eidos como o financiamento, as novas tecnoloxías, as políticas públicas, a cooperación rexional e a educación para afrontar a transformación. Tamén se tratarán aspectos relativos aos ámbitos da investigación e a innovación. Para iso neste encontro dialogarán múltiples actores para difundir e coñecer mellor tanto o escenario da política Comunitaria nos próximos anos como a orientación que terán os fondos de financiamento da UE para o período 2021-2027.

A apertura deste evento será o luns 16 de novembro ás 10:00 horas e nela participarán a directora do Cetmar, Paloma Rueda; o presidente de Fórum Océano, António Nogueira, a secretaria xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Alicia Villauriz e o ministro do Mar do Goberno de Portugal, Ricardo Serrão. Esta xornada tamén contará cun representante da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Unión Europea (DG MARE).

Ademais, dentro desta edición do Business2Sea, o martes 17 de novembro a partir das 15:00 horas realizarase unha xornada da Rede Iberoamericana de Investigación Pesqueira -Rede Invipesca-, que conta con financiamento da Consellería do Mar. Nesta acción está prevista a participación de científicos de diferentes países de Iberoamérica, España e Portugal e ten como obxectivo fomentar a comunicación e as interaccións entre a investigación mariña europea e iberoamericana no marco dos desafíos e oportunidades para o desenvolvemento sustentable dos océanos.

Entre os talleres que inclúe este evento hai un o xoves 19 de novembro relacionado co cambio climático en zonas costeiras no que se tratará a experiencia do proxecto MarRISK, coordinado por Meteogalicia e no que participan o Cetmar e o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar). Esta iniciativa xurdiu do observatorio oceanográfico transfronteirizo RAIA, está financiada con cargo ao Programa de Cooperación Interreg España-Portugal (Poctep) e ten como obxectivo asegurar un crecemento intelixente e sustentable das zonas litorais de Galicia e Norte de Portugal mediante a avaliación dos riscos costeiros máis destacados nun escenario de cambio climático, para mellorar a resiliencia dos sectores económicos tradicionais e doutros emerxentes.

O acto de clausura deste foro virtual celebrarase o venres 20 de novembro a partir das 12:00 horas e nel participará a conselleira do Mar, Rosa Quintana, xunto co ministro de Medio Ambiente e Acción Climática de Portugal, João Matos. O Business2Sea é un evento internacional dedicado a facilitar a interacción entre persoas e organizacións e a promover proxectos e negocios nos diferentes sectores da economía do mar, aberto á participación de todo tipo de organizacións. Todos os axentes que teñan o mar e os seus recursos como elementos centrais da súa actividade (empresas, asociacións, centros de investigación, universidades, ou administracións públicas) teñen cabida nesta nova edición do Business2Sea e poden atopar máis información en http://business2sea.org/.

Pacto verdeO Pacto Verde Europeo proposto pola Comisión Europea en decembro de 2019 inclúe unha folla de ruta con accións para impulsar un uso eficiente dos recursos mediante o paso a unha economía limpa e circular, restaurar a biodiversidade e reducir a contaminación. Neste marco a Unión Europea pretende presentar unha estratexia sobre a biodiversidade para protexela.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre