Inicio Galicia Valentín García participa en Santiago e en Padrón nos actos do Día...

Valentín García participa en Santiago e en Padrón nos actos do Día de Rosalía

0

O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta resaltou que a autora de ‘Follas novas’ falou en galego de sentimentos e ansias universais, facendo deste idioma unha lingua culta e aberta ao mundo


O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá en Santiago de Compostela nos actos organizados pola Fundación Rosalía de Castro con motivo do Día de Rosalía, que conmemora o 183º aniversario do nacemento da autora galega.

O representante da Xunta sinalou que Rosalía de Castro “elixiu o galego para falar, non só dos problemas e da vida da xente humilde de Galicia e, dunha maneira especial, das súas mulleres, senón tamén para falar de sentimentos e ansias universais”. “Con esta escolla”, sinalou o secretario xeral, “converteu un idioma relegado en lingua de cultura e aberta ao mundo cuxa literatura emociona en Xapón, en Rusia, nos Estados Unidos ou en Sudáfrica, porque lle fala, en galego, ao mundo enteiro”.

Xunto co secretario xeral de Política Lingüística interviñeron nos actos do Día de Rosalía o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira; a tenenta de alcalde de Santiago, Mercedes Rosón, respectivamente, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira Viturro.

A celebración comezou na praza de Vigo, ao pé do monumento conmemorativo do nacemento de Rosalía de Castro. A comitiva participante desprazouse despois ata a estatua da autora na Alameda compostelá e, posteriormente, á capela do Hostal dos Reis Católicos, onde foi bautizada. En todos tres sitios fíxose unha ofrenda floral. No Hostal dos Reis Católicos, ademais, os representantes das institucións escolleron e leron cadanseu texto rosaliano e posteriormente escoitaron algunhas pezas musicais a cargo de Benjamín Vázquez e Sabela King. O grupo de música tradicional Carapaus acompañou tamén coa música das súas gaitas todos os actos, que abriu e despediu coa Alborada de Rosalía. Os participantes remataron a xornada coa degustación dun caldo de gloria, unha iniciativa inspirada no poema rosaliano Miña casiña, meu lar na que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia.

A partir das 18,00 horas, a Casa de Rosalía acollerá en Padrón o xa tradicional Caldo de Gloria, que contará tamén coa asistencia do secretario xeral de Política Lingüística.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre