Inicio Galicia Urxencias Sanitarias de Galicia-061 condena firmemente as sabotaxes e insiste na necesidade...

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 condena firmemente as sabotaxes e insiste na necesidade dun comportamento responsable durante as xornadas de folga

0

Como servizo esencial para a poboación, os servizos mínimos establecidos durante a folga son do 100 %

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 condena firmemente as sabotaxes realizadas contra as ambulancias da Rede de transporte sanitario urxente e insiste na necesidade dun comportamento responsable durante a segunda convocatoria de xornadas de folga, que comezou o pasado día 18 ás 00:00 horas e que se manterá ata as 23:59 horas de hoxe domingo, 24 de febreiro. A convocatoria de folga enmárcase no contexto da falta de acordo na negociación polo convenio colectivo entre a patronal e os técnicos en emerxencias sanitarias que realizan o servizo de transporte sanitario urxente e non urxente en Galicia.

Cómpre subliñar que Urxencias Sanitarias de Galicia-061, como servizo encargado do transporte sanitario urxente extrahospitalario na Comunidade Autónoma, ten a consideración de servizo esencial para a poboación e, polo tanto, os servizos mínimos establecidos durante as convocatorias de folga son do 100 %.

Picadas nas rodasDesde as 12:00 horas do día 23 e ata ás 12:00 de hoxe, 24 de febreiro, rexistráronse picadas nas rodas de 14 ambulancias asistenciais de soporte vital básico con base nos concellos de Ribeira e O Porriño (dúas ambulancias cada unha), Tui, Moaña, Boiro, Melide, Nigrán, Redondela, Vigo, Curtis, Sarria e Cangas do Morrazo. Todos os vehículos substituíronse no menor tempo posible e seguiron prestando asistencia sanitaria con normalidade.

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 continúa a traballar de xeito responsable e comprometido coa poboación para garantir a asistencia sanitaria urxente, de xeito que a convocatoria de xornadas de folga non prexudique a calidade da mesma e os cidadáns non se vexan privados do seu dereito a recibir a asistencia sanitaria máis adecuada ás súas necesidades. Por isto, insiste en facer novamente un chamamento ao comportamento responsable e consecuente, ademais de esixir respecto aos bens e as persoas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre