Inicio Galicia Uns 160 agricultores e gandeiros da Limia completan a súa formación na...

Uns 160 agricultores e gandeiros da Limia completan a súa formación na xestión dos residuos xerados polas súas actividades económicas

0

Esta actividade formativa vaise completar a través do Plan estratéxico do sector agrario da Limia, que impulsa Medio Rural en consenso cos axentes do territorio e que ten como horizonte para a súa elaboración o vindeiro verán de 2020

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, asistiu esta mañá en Xinzo de Limia á mesa redonda “As explotacións medioambientalmente sostibles e a distribución e venda de produtos”. Este foro serviu como acto de clausura do Plan de formación agrogandeira para esta comarca ourensá, na que participaron 160 persoas e que se desenvolveu na casa de cultura da localidade dende o pasado día 28 de novembro.

O director xeral lembrou que o obxectivo desta iniciativa foi o de mellorar a formación dos agricultores e gandeiros desta bisbarra -de gran vocación agrogandeira- como vía para optimizar a xestión das súas explotacións, co fin de que a Limia sexa referente de compatibilidade entre unha xestión ambiental adecuada e uns bos resultados económicos.

Así, José Balseiros insistiu en que unhas prácticas respectuosas co medio ambiente e coa preservación dos recursos naturais equilibran os rendementos das empresas, aseguran a calidade dos produtos, a saúde pública e o futuro das actividades económicas. Por iso, incidiu tamén na necesidade de afianzar os coñecementos dos profesionais agrarios e gandeiros, así como de mellorar os procedementos para xestionar dunha forma adecuada os residuos xerados polas súas actividades económicas. Un compromiso acadado no marco da Mesa da Limia no pasado mes de setembro polo propio conselleiro do Medio Rural, José González, e que se materializou neste plan de formación.

Programa formativoA acción formativa tivo unha duración de 27 horas e o seu programa estivo composto por cinco módulos de carácter presencial que, en liñas xerais, trataron sobre a planificación da produción e a xestión adecuada dos residuos gandeiros, a prevención e loita contra pragas e enfermidades, o asesoramento sobre novos cultivos e a súa adaptación ao cambio climático. Tamén se formou aos participantes nas novas alternativas de produción e diversificación económica, no asociacionismo e na promoción dos produtos locais.

Por iso, trasladou o director xeral, vaise completar esta formación a través do Plan estratéxico do sector agrario da Limia, que ten como horizonte para a súa elaboración o vindeiro verán de 2020. Insistiu en que será un proceso participativo estruturado en mesas de traballo con todas as institucións e con todos os axentes relacionados co sector agrario da Limia. Todo isto, subliñou, forma parte dunha estratexia global para facerlle fronte á xestión dos xurros nesta comarca e, por extensión, en toda Galicia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre