Inicio Galicia Universitarios de Enxeñería Forestal e de sistemas aéreos non tripulados coñecen os...

Universitarios de Enxeñería Forestal e de sistemas aéreos non tripulados coñecen os traballos sobre a xestión e produción xeográfica do Instituto de Estudos do Territorio

0

O director do IET fixo de anfitrión durante a visita de dous grupos de alumnos dos Campus de Santiago e Pontevedra, aos que lle explicou os traballos que se están a desenvolver no ámbito da cartografía e os sistemas de información xeográfica


O director do Instituto de Estudos do Territorio, Guillermo Evia, recibiu nas dependencias do IET a dous grupos de alumnos universitarios para darlles a coñecer os traballos que se están a levar a cabo para a produción, xestión de difusión da información xeográfica de Galicia.

Así, un grupo de alumnos do Grao de Enxeñería Forestal da Escola de Enxeñaría Forestal do Campus de Pontevedra, concretamente das materias de Expresión gráfica e cartográfica e de Topografía e teledetección e sistema de información xeográfica; e do master en Operacións e Enxeñería de Sistemas Aéreos Non Tripulados, impartido pola Universidade de Santiago de Compostela, achegáronse a Santiago onde os técnicos do IET explicaron aos alumnos as ferramentas que adoitan a empregar para o desempeño do seu traballo, así como as diferentes iniciativas e proxectos nos que están embarcados, así como as súas aplicacións para a xestión da paisaxe e o estudo e análise do territorio.

A modo de exemplo, os alumnos achegáronse dun xeito práctico a tarefas como o procesado e emprego de imaxes de satélite, a xeración de ortofotografías aéreas, o procesado do LIDAR, a captura de información xeográfica de referencia, como estradas, rede hidrográfica, construción e usos e coberturas do solo, , que servirá de base para a actualización dunha nova base topográfica de Galicia BTG 10, a xeolocalización dos nomes do nomenclátor de Galicia, e os traballos de revisión do Plan Básico Autonómico.

Outro dos traballos que está a levar a cabo o IET é a captura de información xeográfica dentro do proxecto do PIMA, Adapt Costa, grazas ao cal se obtén nova información do Lidar, dixitalización de fotografías aéreas históricas e recompilación de información socioeconómica xeolocalizada.

Tamén se lles informou do traballo que está a desenvolver o IET en varios proxectos da Axencia Galega de Innovación, dentro da segunda fase da iniciativa CivilUAVs, como a plataforma de xestión de datos capturados por UAVs, a adquisición e mantemento semiautomatizado de bases topográficas e cartográficas, e o seguimento de dinámicas de ocupación do solo e soporte á planificación territorial.

O director do IET trasladoulles a importancia deste tipo de actividades para que os alumnos coñezan de primeira man o traballo que se está a facer en Galicia neste eido e recordou que a Comunidade galega vén de dar un avance importante ao aprobar recentemente o borrador do primeiro Plan Galego de Cartografía e Información Xeográfica, que agora inicia a fase de información pública.

Aclaroulles que Galicia dá un paso importante para dotarse, por primeira vez, dun documento capaz de ofrecer información única, coordinada e simplificada en materia xeográfica e cartográfica, que permitirá obter un maior e mellor coñecemento da realidade galega.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre