Inicio Galicia Unha nova publicación do Centro Ramón Piñeiro analiza a poética teatral de...

Unha nova publicación do Centro Ramón Piñeiro analiza a poética teatral de Roberto Vidal Bolaño

0

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu hoxe á presentación do ensaio ‘Roberto Vidal Bolaño. Unha poética teatral xenuinamente galega’ do profesor e colaborador do CRPIH Manuel Quintáns Suárez

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu hoxe ao serán, na Casa da Cultura de Brión, á presentación dunha nova publicación do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH). Trátase do ensaio Roberto Vidal Bolaño. Unha poética teatral xenuinamente galega, da autoría do profesor, investigador e colaborador do CRPIH Manuel Quintáns Suárez.

Valentín García considerou que non había “ninguén tan axeitado como o profesor Quintáns Suárez, quen ten unha magnífica traxectoria de reflexión arredor da obra de Vidal Bolaño, para publicar este ensaio que pon o foco nun autor fundamental das nosas letras, un autor que convén revisitar porque é realmente inesgotable”.

Xunto co representante da Xunta de Galicia interviñeron na presentación Manuel Quintáns, autor do ensaio; José Luis García, rexedor brionés, e Armando Requeixo, secretario do CRPIH.

Poética xenuinamente galegaO traballo de Manuel Quintáns Suárez, Roberto Vidal Bolaño. Unha poética teatral xenuinamente galega, consta de catro partes. Na primeira, O autor, analízanse con detalle os inicios escénicos de Vidal Bolaño, a súa pertenza ao equipo Lupa, o seu papel na Xeración Abrente, a súa relación co Centro Dramático Galego ou a influencia que na súa escrita tiveron as creacións da cultura popular ou os autores como Otero Pedrayo e Bertold Brecht. Na segunda analízase a escrita dramática das súas obras (temática, conflito e desenlace, personaxes…) e na terceira a escrita escénica (modalidades teatrais; unidade de acción, de lugar e de tempo; lingua…). A cuarta parte, titulada Unha síntese improbable, debulla a estrutura das pezas escritas nas diferentes etapas da súa produción seguindo un profundo proceso de elaboración dunha nova estrutura dramática que é reflexo dun teatro novo baseado nunha poética xenuinamente galega.

O volume complétase cun epílogo, unha bibliografía e con tres interesantes índices -?onomástico, temático e de obras? especialmente útiles para os investigadores e investigadoras da obra de Vidal Bolaño.

Manuel QuintánsManuel Quintáns Suárez (Santa Comba, 1931), autor de Roberto Vidal Bolaño. Unha poética teatral xenuinamente galega, foi profesor de Lingua e literatura e actualmente é colaborador do CRPIH. Ensaísta, investigador, tradutor e narrador, é autor de numerosas monografías, así como de estudos introdutorios entre os que se poden destacar os das súas edicións de obras de Roberto Vidal Bolaño como As actas escuras, Agasallo de sombras ou Animaliños.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre