Inicio Galicia Unha delegación de Portugal interésase pola experiencia galega en materia de prevención...

Unha delegación de Portugal interésase pola experiencia galega en materia de prevención e extinción de incendios forestais

0

O director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, recibiunos no Centro de Coordinación Central de incendios, ubicado en San Lázaro


O director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, recibiu esta mañá unha delegación de Portugal interesada en coñecer o traballo da Consellería do Medio Rural en materia de prevención e extinción de incendios forestais. Trátase dun grupo de técnicos municipais da Comunidade Intermunicipal da rexión de Coímbra, integrada por varios concellos do centro de Portugal.

O director xeral amosoulles o Centro de Coordinación Central de incendios forestais e explicoulles o traballo que se realiza desde esta base operativa. Así mesmo, salientou tamén a posta en marcha da Rede de Vixilancia dos espazos forestais como un instrumento de apoio ao labor de detección, prevención e seguimento dos incendios. Fernández-Couto insistiu na importancia deste servizo, composto por 44 centros que permiten monitorizar o 54% do territorio galego.

Doutra banda, na xuntanza mantida co director xeral tamén se lles deu conta dos últimos cambios levados a cabo en canto a distancias de plantacións e xestión da biomasa. A delegación portuguesa mostrouse moi interesada neste aspecto, sobre todo no tocante á limpeza das faixas secundarias e á posibilidade de que a propia Administración poida actuar de forma subsidiaria nestes labores.

Fernández-Couto informoulles de que a prevención é a parte fundamental na loita contra os incendios e trasladoulles que a Xunta destina un total de 11,6 millóns de euros en 2019 para financiar os convenios de colaboración coas entidades locais galegas en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais. Ademais, profundizou tamén no convenio de colaboración subscrito entre a Consellería do Medio Rural, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e Seaga, que permitirá a creación na nosa comunidade dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias para protexer os núcleos de poboación.

Ademais de coñecer o Centro de Coordinación Central de incendios, a delegación de Portugal tamén se achegou ata as instalacións de Meteogalicia. Mañá desprazaranse ao concello da Estrada para visitar a Axencia Galega de Emerxencias (Axega). 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre