Inicio Galicia Unha decena de monumentos do Camiño Francés ilumínanse de azul para celebrar...

Unha decena de monumentos do Camiño Francés ilumínanse de azul para celebrar os seus 25 anos como Patrimonio Mundial

0

A Consellería de Cultura e Turismo celebra de xeito especial esta efeméride ao longo da Ruta Xacobea todas as noites desde hoxe e ata o 11 de decembro


A Consellería de Cultura e Turismo comeza hoxe os actos conmemorativos polo 25 aniversario da inclusión do Camiño Francés na lista indicativa do Patrimonio Mundial da Unesco. A celebración incluirá diversos eventos e iniciativas non só en Santiago de Compostela, meta da peregrinación, senón ao longo do Camiño de Santiago. Así, desde este mércores e ata o próximo día 11, preto dunha decena de monumentos da Ruta Xacobea iluminaranse para sumarse a esta efeméride.

Todos eles variarán a súa habitual instalación lumínica e vestiranse coas cores características do Camiño de Santiago. Cada noite ao longo de seis xornadas, iluminaranse en tons azuis e proxectarase sobre eles a popular frecha amarela, o símbolo que guía aos peregrinos nos distintos itinerarios e que resultou clave na recuperación contemporánea deste fenómeno.

Esta acción especial terá lugar en varios dos monumentos máis emblemáticos do Camiño Francés, en diferentes concellos, dando un carácter global á conmemoración. En concreto, poderá verse na igrexa de San María a Real do Cebreiro, na de San Salvador de Sarria, en San Nicolás de Portomarín e en San Pedro de Melide. Ademais, na capital compostelá, iluminarase a capela de Ánimas, a igrexa de San Bieito do Campo, a torre da Berenguela da Catedral, na súa fachada da praza de Praterías, e as Torres Hejduk da Cidade da Cultura.

Leer más:  Juan Carlos I recibe en su casa la visita de la tripulación del 'Bribón' liderada por Pedro Campos

Galegos e peregrinos poderán así ser partícipes dun aniversario que marcou un antes e un despois para o Camiño de Santiago, ata a súa dimensión e recoñecemento actual, como un dos itinerarios de peregrinación máis universais que contribuíu decisivamente á protección e conservación do seu patrimonio e ao desenvolvemento socioeconómico da Comunidade.

O alcance da súa declaración como Patrimonio Mundial ampliouse en 2015, cando tamén foron recoñecidos os Camiños do Norte, que en Galicia contan con dúas variantes, a costeira e a interior, incluíndo na protección varios dos seus monumentos máis sobranceiros.

Máis de 325.000 peregrinosO Camiño Francés segue a ser a ruta máis percorrida. Dos máis de 325.000 peregrinos que recibiron a súa Compostela este ano, preto do 57%, é dicir, máis de 185.000, elixiron o Camiño Francés. A maior parte deles, o 53%, eran estranxeiros procedentes de países como Italia, Estados Unidos, Alemaña, Francia, Irlanda, Corea, Reino Unido, Australia e Brasil.


- Te recomendamos -