Inicio Galicia Un total de trece empresas presentan ofertas para a redacción do proxecto...

Un total de trece empresas presentan ofertas para a redacción do proxecto construtivo das actuacións necesarias para minimizar o risco de asolagamento en Xunqueira, no concello de Viveiro

0

O contrato, cun importe de 67.000 euros, ten un prazo de execución de 6 meses

Un total de 13 empresas presentan as súas ofertas para a redacción do proxecto construtivo para definir as actuacións precisas para minimizar o risco de asolagamento en Xunqueira, no concello de Viveiro.

Este contrato, cun importe de máis de 67.000 euros, consta dun prazo de execución de 6 meses.

Trátase de deseñar o proxecto que servirá de base para executar actuacións que contribúan a minimizar o risco asociado á área identificada como de risco potencial significativo de inundación do río Fontecova, ao seu paso polo núcleo de Xunqueira.

O contrato inclúe as actuacións destinadas ao necesario aumento e naturalización do leito do río, reforzo de cimentacións danadas, ampliación de pontes, adecuación dalgunhas das infraestruturas pegadas ao leito, así como a reubicación dun lavadoiro.

Plan de xestión de riscoA Xunta elaborou un plan específico de xestión de riscos de inundación para Xunqueira, no que propón varias actuacións susceptibles de ser desenvolvidas nun proxecto construtivo.

Este plan foi presentado ao Concello coas distintas alternativas identificadas e a eficacia calculada para cada unha delas na redución dos riscos de inundación.

O Concello elixiu as alternativas e solicitoulle á Xunta colaboración na concreción dun proxecto a nivel construtivo. Para iso, o Goberno galego, o Concello e a Deputación Provincial de Lugo asinaron un convenio polo que Augas de Galicia asume a contratación dos traballos, cofinanciando as tres administracións a partes iguais o investimento.

Neste plan elaborado pola Xunta, inclúense tamén recomendacións para a toma de medidas precisas por parte do Concello para protexer á poboación de Xunqueira ante episodios de enchentes. Entre elas, a aplicación de políticas urbanísticas que respecten as contornas fluviais do río, a redacción dun Plan de actuación municipal para as inundacións ou a promoción da contratación de seguros contra os danos por riadas.

Avaliación de riscos permanenteA Xunta, a través de Augas de Galicia redacta e revisa cada seis anos o risco de inundación da Demarcación Hidrográfica Galicia Costa, en colaboración coas autoridades de Protección Civil e a Administración Xeral do Estado.

Unha vez que se identifica e declarada unha zona como área de risco potencial significativo de inundación, cómpre desenvolver mapas de perigosidade e risco de inundación e establecer as medidas que debe realizar por cada autoridade competente para minimizar os efectos negativos das enchentes.

Nas áreas de maior risco recóllese a necesidade de redactar un Plan específico de xestión, no que se traballa a nivel de detalle para tratar de minimizar os perigos e incrementar a calidade ambiental das contornas fluviais, como fixo a Xunta no caso de Xunqueira.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre