Inicio Galicia Un total de dezasete empresas presentan as súas ofertas para executar as...

Un total de dezasete empresas presentan as súas ofertas para executar as obras de demolición da actual terminal de autobuses de Ourense

0

A actuación, licitada por máis de 523.000, ten un prazo de execución de 4 meses

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2020.- Un total de dezasete empresas veñen de presentar as súas ofertas para executar as obras de demolición da actual terminal de autobuses de Ourense. Esta actuación da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade foi licitada por máis de 523.000 euros e conta cun prazo de execución de 4 meses.

Os traballos de demolición comezarán cando conclúan as obras da nova estación de autobuses intermodal no barrio da Ponte, que se están a executar e que estarán rematadas a finais de verán, e cando se traslade á nova estación a actividade.

A actual estación de autobuses foi construída hai máis de 30 anos. Dadas as súas condicións e tendo en conta o custo que suporía a súa adecuación a outro uso, así como a inconveniencia de deixar un edificio destas dimensións desocupado nunha zona urbana, a Xunta decidiu redactar un proxecto de demolición.

O proxecto ten como obxectivo deixar despexado o solar e aproveitar este espazo para dotacións de carácter social, concretamente, para a construción dunha residencia da terceira idade.

Tras a desconexión exterior das acometidas, os traballos comezarán no interior co desmontado de mobiliario, carpinterías, elementos de fontanería, instalación eléctrica e o resto de instalacións. Unha vez completado o desmontado dos distintos elementos, procederase á demolición de tabiques, pavimentos e revestimentos. Unha vez completamente baleiros o andar baixo e o primeiro, procederase á demolición e desmonte das cubertas superiores.

Para efectuar esta intervención prevese principalmente o uso de retroescavadoras e grúas móbiles con acoples especiais de derribo, pero non se considera necesaria a realización de voaduras nin de microvoaduras.

As obras incluirán o acondicionamento posterior da parcela e a xestión dos correspondentes residuos xerados pola demolición. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre