Inicio Galicia Un total de 25 pemes galegas participarán nun proxecto piloto para fortalecer...

Un total de 25 pemes galegas participarán nun proxecto piloto para fortalecer a súa competitividade apoiándose no deseño centrado nas persoas

0

O obxectivo é achegar ás empresas participantes ferramentas de deseño centrado no usuario para que consigan adaptarse dun xeito áxil ao novo contexto e ás necesidades dos seus clientes e usuarios

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), acaba de publicar a lista das 25 pequenas e medianas empresas (pemes) seleccionadas para participar na acción piloto de apoio ao deseño co obxectivo de aumentar a súa competitividade e innovación. As pemes seleccionadas pertencen a sectores moi diversos: TIC, formación, alimentación, deseño ou construción, entre outros. A listaxe das empresas participantes está dispoñible na páxina web de Gain.

Esta iniciativa enmárcase no Programa de Deseño para a Innovación 2020, unha actuación novidosa da Xunta de Galicia para impulsar o crecemento da economía galega a través da incorporación e a sistematización do deseño nas empresas como motor de innovación e de competitividade. En concreto, inscríbese no proxecto europeo User Factor Design for user-driven innovation, financiado polo programa Interreg Espazo Atlántico, que ten como obxectivo apoiar a pemes no desenvolvemento de novos produtos e servizos innovadores mediante o uso de ferramentas de deseño centrado no usuario.

Acción pilotoA experiencia piloto consiste nunha acción de asesoramento para a definición de servizos ou produtos innovadores que integren o deseño. Un total de 13 empresas integraranse no itinerario de deseño de servizos e 12 no de produto.

O asesoramento estará a cargo de deseñadores expertos con experiencia nestes campos e constará das seguintes fases: diagnóstico da empresa para establecer o seu nivel no deseño de servizos ou de produtos (de xullo a setembro de 2019); tres sesións formativas, de catro horas de duración/sesión e adaptadas a cada perfil de empresa en procesos e ferramentas de deseño orientado ao usuario (de outubro de 2019 a xaneiro de 2020); plan de mellora de servizos ou produtos con accións detalladas (febreiro de 2020) e seguimento; e valoración final do proceso e contraste con diagnóstico inicial (outubro de 2020).

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre