Inicio Galicia Un total de 25 centros escolares participan nun proxecto pioneiro de compostaxe...

Un total de 25 centros escolares participan nun proxecto pioneiro de compostaxe para impulsar a recollida separada da fracción orgánica

0

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de resolver a selección de centros de educación primaria participantes, que contan con servizo de comedor e dispoñen de horto escolar


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de seleccionar os 25 centros públicos de primaria de Galicia que participarán o vindeiro curso nun proxecto pioneiro de compostaxe.

Así llo vén de trasladar aos centros seleccionados, aos que se lles requiría dispor de servizo de comedor escolar, contar con espazo verde para a instalación do composteiro, ter en funcionamento un horto escolar, non ter experiencia previa en programas de compostaxe escolar, e estar disposto a designar persoal responsable para a posta en marcha e seguimento do composteiro instalado no centro. Agora, recibirán os medios materiais necesarios para a instalación dunha zona para facer compost, así como a formación precisa para a súa posta en marcha e seguimento.

Con esta iniciativa, a Consellería de Medio Ambiente pretende implicar aos centros escolares, que poden xogar un papel fundamental polo seu carácter educativo e pola posición de referencia que ocupan na comunidade á que pertencen.

Nese sentido, formarase ao persoal de cociña e ao profesorado, para que poidan dirixir e supervisar as actividades a desenvolver durante o primeiro trimestre do vindeiro curso. O proxecto incluirá a realización de obradoiros sobre compostaxe e reciclaxe para o alumnado, así como a entrega dunha unidade didáctica sobre esta mesma temática. Ao final da nota, indícanse os centros seleccionados.

Esta iniciativa segue as directrices do Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia 2010-2022 e enmárcase no impulso de distintas actuacións para a mellora da xestión dos residuos urbanos en xeral, e concretamente dos chamados biorresiduos –é dicir, a fracción orgánica biodegradable do lixo-, de cara a transformar o sistema actual nun modelo máis sostible e circular.

A Xunta de Galicia pretende achegar a compostaxe aos centros de ensino, mellorar a xestión dos residuos orgánicos xerados nos comedores escolares e reforzar as condutas de protección e respecto do medio ambiente do alumnado. Estes obxectivos específicos insírense dentro de outros dous máis globais: avanzar na descentralización da xestión dos residuos orgánicos en Galicia e servir de exemplo para a implantación de iniciativas semellantes en todo o territorio galego.

Para cumprir con eles, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ten previsto desenvolver nos próximos meses varios proxectos dirixidos á implantación de diferentes alternativas de xestión dos residuos orgánicos nos concellos galegos, que implicarán tanto á cidadanía como aos grandes produtores.

Todos eles forman parte das actuacións de promoción e apoio ao uso de compost coas que o departamento autonómico dotará ás entidades locais galegas de ferramentas que lles permitan avanzar no cumprimento dos obxectivos de preparación para a reutilización e reciclaxe establecidos na recente modificación da Directiva Marco de Residuos.

De acordo con esta modificación, ao obxectivo de reciclar o 50% dos residuos xerados en 2020, sumaranse outros novos, como que a cantidade de residuos reciclados deberá ser do 55% no ano 2025, do 60% de aquí a 2030 e do 65% en 2035. Ademais, nesta modificación da Directiva Marco de Residuos, obrígase tamén aos Estados membros a implantar a recollida separada da fracción orgánica dos residuos –unha competencia municipal- antes do 31 de decembro do ano 2023.

Listado de centros educativos seleccionados: Provincia

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre