Inicio Galicia Un total de 247 centros escolares participan no programa Clubs de Lectura...

Un total de 247 centros escolares participan no programa Clubs de Lectura neste curso 2019-20

0

Trátase dunha iniciativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que ten por obxectivo impulsar o hábito lector, mellorar as habilidades sociais e a aprendizaxe


O programa Clubs de Lectura impulsado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional chega este curso a 247 centros escolares de toda Galicia e a aproximadamente 12.700 alumnos.

O programa vai dirixido a centros públicos titularidade da consellería que imparten ensinanzas de ESO, Bacharelato, FP ou de réxime especial. Por provincias, do total de participantes neste curso, 105 centros pertencen á provincia da Coruña, 37 centros á de Lugo, 25 á de Ourense e 80 á provincia de Pontevedra.

A iniciativa, que forma parte do Plan Lía de Bibliotecas escolares, ten como obxectivo impulsar o hábito lector, mellorar as habilidades sociais e a aprendizaxe desde o espazo da biblioteca escolar de cada centro.

Para tal fin, a Consellería destina un total de 220.000 euros a este programa cunha asignación por centro que se destina, fundamentalmente, á adquisición de libros para as actividades do club de lectura (que posteriormente pasarán a formar parte dos fondos da biblioteca) e para outros gastos derivados do seu funcionamento.

Estes clubs actúan como grupos de dinamización a prol da lectura nas comunidades educativas e como ámbitos de aprendizaxe de competencias clave para a vida. Asemade, ao implicar a diferentes membros da comunidade, son espazos para a convivencia e a educación cidadá; ao tempo que son útiles para incorporar á lectura a mozos e mozas con pouco interese por este hábito. Estanse demostrando, así mesmo, útiles para mellorar a autoestima e as habilidades sociais e de lectura do alumnado con dificultades específicas de aprendizaxe.

Por outra banda, nestas reunións adoitan introducirse as tecnoloxías da comunicación e a lectura dixital, así como as relacións con outros clubs, con bibliotecas públicas ou con entidades culturais do entorno máis próximo.

Provincia da Coruña Centro

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre