Inicio Galicia Un total de 20 empresas presentan as súas ofertas para executar as...

Un total de 20 empresas presentan as súas ofertas para executar as obras de mellora do saneamento nas parroquias de Sendelle e Ameixeira, en Crecente, cun investimento de máis de 523.000 euros

0

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, colabora co Concello para dotar a estes núcleos dunha nova rede de colectores, ao non dispor na actualidade dunha rede de saneamento axeitada

Un total de 20 empresas presentan as súas ofertas para executar as obras de mellora do sistema de saneamento nas parroquias de Sendelle e Ameixeira, en Crecente, por un investimento de máis de 523.000 euros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, colabora co concello co obxectivo de dotar a estes núcleos de poboación dunha nova rede de colectores, ao non dispor na actualidade dunha rede de saneamento axeitada.

Estas obras consistirán na execución dunha nova rede de colectores nas citadas parroquias e os traballos disporán dun prazo de execución duns 6 meses, desde o inicio dos mesmos. Na parroquia de Ameixeira disporase unha nova rede de saneamento que conducirá as augas residuais á estación depuradora da Cañiza. A rede estará formada por un colector principal, con tres derivacións e un colector secundario independente do anterior.

A tubaxe terá unha lonxitude total de 1646 metros. Instalarase tamén un grupo de bombeo coa súa correspondente tubaxe de impulsión, que conducirá o efluente ata o pozo de entrada da depuradora.

Na parroquia de Sendelle construirase un colector principal en tubaxe e cunha lonxitude total de 724 metros. Reconstruiranse 102 metros dun tramo de rede de augas pluviais afectado pola construción do colector principal, así como 6 conexións á rede de saneamento de augas residuais.

Tamén se completará a rede con tres cámaras de descarga prefabricadas de formigón armado con depósito basculante interior de 150 litros de capacidade, con tapa e rexistro, para aporte de caudal.

A actuación está cofinanciada polos Fondos Europeos FEADER PDR 2014-2020.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre