Inicio Galicia Un total de 19 empresas presentan as súas ofertas para executar as...

Un total de 19 empresas presentan as súas ofertas para executar as obras de integración paisaxística do Camiño Francés no cruce da Avenida de Lugo coa rúa Concheiros, en Santiago

0

Os traballos, cun investimento de máis de 3 millóns de euros, teñen un prazo de execución de 12 meses

Un total de 19 empresas presentaron as súas ofertas para executar as obras de mellora e integración paisaxística do Camiño Francés no cruce da avenida de Lugo coa rúa Concheiros, no municipio de Santiago.

Esta nova actuación nas entradas no Camiño de Santiago á cidade, licitada por máis de 3 millóns de euros, ten un prazo de execución de 12 meses.

Trátase dunha actuación integral, orientada a facer que o Camiño nese punto da cidade sexa máis identificable, devolvéndolle en parte a continuidade que se viu truncada cando se executou a avenida de Lugo a modo de rolda urbana. E, ao tempo, procura a mellor integración paisaxística na trama da cidade, reordenando todos os accesos que conflúen no nó de Concheiros.

As obras permitirán transformar o actual nó nunha gran praza de 6.000 metros cadrados e que compatibilizará o tránsito ordenado e prioritario dos peregrinos cun tráfico rodado fluído e seguro, facilitando, ademais, a conexión de Concheiros co de Fontiñas.

O departamento de Infraestruturas da Xunta ten programada para esta actuación no Camiño Francés unha reordenación de todas as vías e accesos que conflúen no nó de Concheiros, facilitando movementos máis seguros, tanto para vehículos como para peóns e peregrinos.

A actuación inclúe a creación dun gran espazo verde máis humano, que contribuirá a facer do Camiño unha ruta moito máis identificable, pero tamén máis satisfactoria e positiva. E para iso darase continuidade á ringleira de árbores existentes na avenida de Lugo cara arriba, ata o cruce de Concheiros.

De cara a reforzar a seguridade viaria da Avenida de Lugo -que manterá os dous carrís de baixada e de subida-, cambiarase o pavimento existente nese punto por un chan de lastras, para crear no condutor unha sensación visual distinta que o levará a reducir a velocidade, fomentando un maior respecto entre condutor e camiñante.

Tamén para ofrecer unha maior continuidade á ruta xacobea no cruce de Concheiros, e facer que a traza do Camiño sexa moito máis identificable para o peregrino, disporase nesa zona de iluminación específica que lle servirá de guía ao camiñante. Se instalará unha tira de luminarias colgantes no nó de Concheiros que guiarán os seus pasos cara á Praza do Obradoiro.

Esta proposta, ademais de acadar un tráfico máis lento coa creación desa nova zona verde e a diferenciación do pavimento no nó de Concheiros, tamén inclúe a execución de dúas novas glorietas que favorecerán o acceso ao barrio de Fontiñas e mellorarán os tráficos urbanos, facéndoo así o tráfico máis fluído.

Executarase unha primeira rotonda no cruce coa rúa Londres, que facilitará a mobilidade cara a equipamentos esenciais desa zona, como pode ser o Centro de Saúde ou o da Cruz Vermella. E outra glorieta máis arriba, no cruce do Conservatorio de Música e a actual estación de autobuses -no futuro o novo edificio administrativo da Cidade de San Caetano-, que fará os tráficos máis seguros, nunha contorna que rexistra gran cantidade de movementos cara estes equipamentos, e tamén de continuación cara a San Caetano ou cara a zona comercial das Cancelas.

Estas solucións de integración paisaxística pensadas para a avenida de Lugo na zona de Concheiros tamén servirán para mellorar os tráficos urbanos e suporán unha mellora significativa para todos os veciños de Fontiñas e tamén a contorna. Disporán dun barrio máis familiar e máis verde, máis integrado na cidade e máis unido ao de San Pedro, na liña con eses retos e obxectivos que a Xunta ten fixado para a Galicia da próxima década. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre