Inicio Galicia Un total de 18 empresas presentan as súas ofertas para executar a...

Un total de 18 empresas presentan as súas ofertas para executar a ampliación e mellora da EDAR de Viveiro cun investimento de case 4 millóns de euros

0

As obras mellorarán a depuración de todas as augas residuais do municipio, incorporando cunha nova conexión as procedentes da rede de Celeiro

Un total de 18 empresas veñen de presentar as súas ofertas para executar as obras de ampliación e mellora da depuradora de Viveiro, que comezarán en verán de 2020, cun investimento duns 4 millóns de euros.

O Goberno galego continúa avanzando na tramitación administrativa desta actuación, cuxas obras dispoñen dun prazo de execución de 18 meses.

A intervención ten como obxectivo ampliar a capacidade e mellorar o grao de depuración previo ao emisario de todas as augas residuais de Viveiro, incluídas as do núcleo de Celeiro.

Esta optimización permitirá tratar a totalidade das augas residuais xeradas no municipio, incorporando cunha nova conexión os procedentes da rede de Celeiro, que actualmente non van á depuradora. Ademais solucionaranse os problemas detectados na actual depuradora, que xestiona o Concello, pois as deficiencias na súa conservación e mantemento fan que a capacidade de depuración real sexa menor da inicialmente prevista.

Estas obras, ao tratarse da mellora e intervención na depuradora que xa está en funcionamento, a medida que se executen as distintas actuacións, iranse poñendo en servizo, procedéndose ao final, ás probas para que todo funcione correctamente.

Trátase dunha actuación estratéxica para Viveiro e a súa ría que incrementará nun 50% a capacidade de depuración da planta actual e permitirá atender 23.700 habitantes equivalentes, deixando cubertas as necesidades de depuración de Viveiro para as próximas dúas décadas.

Esta ampliación da capacidade e mellora do funcionamento da EDAR de Viveiro contribuirán a obter unha mellora significativa da calidade da auga da ría, que se traducirá, tamén, no resultado das analíticas sanitarias que presentan praias como a de Celeiro.

Por outra parte, cómpre lembrar que a Xunta tamén está a ultimar o proxecto de saneamento de Celeiro e a mellora da condución de vertido da EDAR de Viveiro, que inclúe a execución do novo emisario e retirada do antigo, novo tanque de tormentas e mellora da capacidade de bombeo de Celeiro, cun orzamentos duns 3,5 millóns de euros.

O Executivo autonómico está a impulsar así estes dous proxectos hidráulicos que suman un investimento de máis de 7 millóns de euros para axudar ao Concello nas súas competencias e conseguir que Viveiro e Celeiro poidan depurar as súas augas residuais conforme ás normativas vixentes.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre