Inicio Galicia Un total de 16 proxectos empresariais reciben formación e asesoramento na nova...

Un total de 16 proxectos empresariais reciben formación e asesoramento na nova edición do coworking da Ribeira Sacra

0

A quinta convocatoria da aceleradora promovida pola Xunta e a Escola de Organización Industrial (EOI) comeza a súa actividade en Monforte de Lemos

Monforte de Lemos (Lugo), 3 de marzo de 2020.- A quinta edición do espazo coworking da Ribeira Sacra, promovido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), comeza esta tarde a súa quinta edición, na que os promotores de 16 iniciativas de emprendemento recibirán formación, asesoramento e titoría á medida das súas necesidades na sede de Monforte de Lemos durante os próximos cinco meses, para acelerar a posta en marcha dos seus proxectos empresariais.

As actividades dos 17 emprendedores, 10 mulleres e 7 homes, que se acelerarán nesta convocatoria do coworking abranguen sectores produtivos variados como as enerxías renovables, a agroalimentación, o turismo sostible, os servizos de lecer especializados e a revalorización dos recursos do territorio, entre outros. Así, desenvolveranse iniciativas de enxeñería sustentable, unha empresa agroforestal, unha granxa escola, un centro de lecer para maiores e outro de atención á infancia, fabricación de produtos cosméticos e medicinais, apicultura e diferentes servizos turísticos.

Estes días tamén están a dar comezo as accións de formación e asesoramento no resto de espazos coworking da rede impulsada pola Xunta, que nesta edición contará con tres novas aceleradoras relacionadas con actividades específicas. A do Ribeiro, situada no concello ourensán de Cenlle, promoverá a agroalimentación, o turismo rural e a economía circular, mentres que a aceleradora de Palas de Rei (Lugo) céntrase no Camiño de Santiago para fomentar o emprendemento na ruta xacobea. A estes dous, súmase o espazo do Morrazo, que o pasado 26 de febreiro iniciou a súa primeira edición na sede de Moaña.

As novas aceleradoras súmanse ás xa en funcionamento en edicións anteriores, abertas na Mariña luguesa (con sede en Mondoñedo); Terras da Limia (Celanova); A Costa da Morte (Cabana de Bergantiños); Santiago de Compostela; e Ferrolterra (con sede en Ferrol), O Salnés (Vilanova de Arousa); ademais da Ribeira Sacra, en Monforte de Lemos.

A rede de espazos coworking promovida pola Xunta a través do Igape e a EOI forma parte da plataforma StartIN Galicia, que agrupa a todas as aceleradoras que apoia a Administración autonómica. Dentro desta plataforma de apoio integral desenvólvense as business factories e outras aceleradoras como Agrobiotech, ViaGalicia, Galicia Open Future e Connecting For Good Galicia. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre