Inicio Galicia Un total de 15 comisións sectoriais traballarán no proceso de reforma da...

Un total de 15 comisións sectoriais traballarán no proceso de reforma da atención primaria posto en marcha por Sanidade

0

Sanidade trasladoulle aos membros do Consello Técnico un resumen das medidas a curto prazo previstas no Plan de Atención Primaria


Un total de quince comisións sectoriais traballarán no proceso de reforma da atención primaria que a Consellería de Sanidade ten posto en marcha e que se concretou coa recente aprobación, no Consello da Xunta, do Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021, dotado cun orzamento total para ese período de máis de 102 millóns de euros, e no que se recollen un total de 200 accións a desenvolver a curto, medio e longo prazo, definidas en 7 liñas estratéxicas e 52 obxectivos concretos.

A creación destas 15 comisións sectoriais foi acordada polos membros do Consello Técnico de Atención Primaria, nunha nova reunión deste organismo, celebrada hoxe pola tarde no Edificio Administrativo de San Lázaro.

Das 15 comisións sectoriais, un total de oito traballarán na definición dunha carteira de servizos das categorías profesionais de médicos, persoal de enfermería, farmacéuticos, fisioterapeutas, matronas, traballadores sociais, odontólogos e persoal administrativo. As restantes comisións, ata completar as quince, abordarán o mapa de competencias dos diferentes estamentos; a mellora da coordinación entre primaria e hospitalaria; a potenciación de actividades de promoción e prevención; a realización de estudios de mellora de aspectos relacionados coa xestión da incapacidade temporal; a formación e docencia; a análise demográfica e avaliación de necesidades asistenciais, e recomendacións de prescrición racional.

Medidas a curto prazoNa xuntanza, Sanidade trasladoulle aos membros do Consello un resumen das medidas a curto prazo previstas no Plan de Atención Primaria, algunhas das cales xa se están a levar a cabo. Entre elas está, no apartado dos profesionais, a xeración dun marco profesional estable, promovendo anualmente a mobilidade voluntaria dos profesionais de primaria a través do concurso de traslados permanente; o incremento na oferta de emprego público do presente ano do número de prazas nas categorías específicas de primaria; e a incorporación, tamén na oferta deste ano, de profesionais coas especialidades de enfermería familiar e comunitaria e enfermería pediátrica.

Respecto do incremento do número de profesionais, reforzaranse aqueles dispositivos cunha elevada carga asistencial, cun total de 80 novas prazas de médicos de familia no período 2019-2021; e incrementaranse as prazas de pediatría cun total de 20 novos pediatras nese mesmo período. Tamén producirase un aumento das prazas de enfermería nos dispositivos de primaria con menor ratio, con 130 novas prazas, e potenciarase a presenza doutras categorías como son 4 novas prazas de farmacia, 20 novas de enfermería obstétrico xinecolóxica, 40 de fisioterapeuta e 14 de traballo social.

Igualmente, incrementaranse as prazas de formación de especialistas en medicina familiar e comunitaria e as de formación de especialistas en pediatría.

Na área de coordinación, Sanidade detallou que se designarán profesionais consultores de referencia en atención hospitalaria e haberá unha persoa de referencia no servizo de admisión do hospital para a comunicación co centro de saúde. Asemade, faranse reunións periódicas entre profesionais dos dous niveis asistenciais coa presenza de todas as categorías.

Ademais de desenvolver ferramentas que faciliten a continuidade asistencial como a habilitación da prescrición electrónica en atención domiciliaria e aos médicos do 061; homoxeneizaranse os procedementos de traballo coa elaboración, entre outras medidas, dun catálogo de probas diagnósticas accesibles dende primaria e aplicaranse protocolos comúns para profesionais de hospital e de primaria.

Tamén redefinirase a estrutura organizativa de primaria, coa creación dunha subdirección xeral que contará cun servizo específico de primaria, e crearase unha dirección de atención primaria en cada área sanitaria.

Outras iniciativasSanidade trasladoulles aos membros do Consello outras iniciativas a curto prazo, como a potenciación das xefaturas de servizo de primaria e a reordenación das competencias dos profesionais, dando acceso ao persoal de enfermería e farmacia á solicitude de analíticas de pacientes crónicos.

Trabállase, tamén, na definición de criterios de calidade das axendas e mellora da súa xestión, adaptándoas á actividade real de cada categoría profesional e mellorando a xestión da demanda non programada, implantando un procedemento de resolución colaborativa.

Xunto ao todo o anterior, desburocratizarase a actividade dos profesionais e procederase á cobertura de ausencias, promovendo nomeamentos eventuais de continuidade para unha maior estabilidade dos traballadores. No apartado de formación, o Sergas incrementará a decisión dos profesionais sobre os plans formativos e potenciará a titores e colaboradores docentes, ademais de incrementar as prazas de formación especializada.

Tamén anunciou Sanidade o desenvolvemento dunha plataforma web para rexistrar actividades comunitarias que sirvan como modelo aos centros de saúde; así como o fomento da participación da cidadanía a través dos consellos de pacientes.

Destacou, igualmente, o departamento sanitario galego, que se traballa xa na dotación de equipamentos dos centros de saúde, tanto no mobiliario como equipamento sanitario e electromédico.

ComposiciónO Consello Técnico de Atención Primaria constituíuse o pasado mes de maio, cun total de 55 persoas de recoñecido prestixio, recoñecemento social e traxectoria profesional acreditada no ámbito sanitario. A súa creación está enmarcada no cumprimento dos acordos acadados entre Sanidade e as organizacións sindicais, logo do proceso iniciado por Sanidade.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre