Inicio Galicia Un total de 13 empresas presentan as súas ofertas para executar as...

Un total de 13 empresas presentan as súas ofertas para executar as obras de mellora da entrada do Camiño Portugués en Santiago ao seu paso pola rúa Escurridía e A Ponte Vella

0

Estas actuacións, licitadas por un importe de 240.000 euros, poderán comezar a finais do verán, unha vez que os terreos estean dispoñibles

Un total de 13 empresas veñen de presentar as súas ofertas para a execución da mellora da entrada do Camiño Portugués en Santiago, no treito entre a rúa Escurridía e a Ponte Vella, no barrio compostelán de Conxo.

Estas actuacións, licitadas por un importe de 240.000 euros, poderán comezar a finais do verán, unha vez que os terreos estean dispoñibles. Cómpre lembrar que a Xunta convocou o 26 de xuño e o 11 de agosto os titulares dos terreos para proceder aos actos expropiatorios.

Este proxecto ten por obxecto lograr unha visión integral do Camiño de Santiago como fenómeno patrimonial, cultural e territorial único, independentemente dos diferentes itinerarios que conflúen no centro histórico compostelán.

Trátase de reordenar o cruce da rúa da Escurridía coa rúa da Ponte da Rocha e a rúa Volta do Castro mellorando o tránsito e a seguridade dos peregrinos e peóns.

As principais actuacións previstas inclúen a separación clara de espazos exclusivos para peóns do resto do tráfico rodado, a reordenación do cruce da rúa da Volta do Castro con espazos de uso mixto e a ordenación renovada e humanización das seccións viarias existentes. Tamén inclúe a definición de elementos como pavimentación ou mobiliario.

Ao longo de toda a actuación intentarase manter unha sección mínima de ancho suficiente para a separación do tránsito peonil do rodado. No caso de non ser posible nalgúns dos treitos, seguirase o criterio de plataforma compartida, reparándose o firme pero sempre dándolle prioridade ao viandante e elevando o nivel das zonas peonís.

Nos treitos onde sexa posible, ampliarase a plataforma, permitindo xerar pequenos espazos de estancia que serán humanizados con elementos de arborado ou mobiliario urbano.

No cruce entre a rúa da Volta do Castro coa rúa da Ponte da Rocha manterase o trazado actual e executarase un paso elevado en formigón para paso de peóns e peregrinos. Isto farase con ramplas no comezo e final desta zona para controlar a velocidade de circulación dos vehículos na intersección e reforzar a predominancia do peón.

Esta intervención complementa as obras de mellora da chegada a Compostela do Camiño Portugués que se están a desenvolver no barrio de Conxo.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre