Inicio Galicia Un total de 120 persoas traballan nos cinco obradoiros de emprego que...

Un total de 120 persoas traballan nos cinco obradoiros de emprego que están en marcha dende hoxe en 14 concellos do sur de Lugo

0

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina preto de 1,5 millóns de euros ao seu financiamento


Un total de 120 persoas traballan nos cinco obradoiros de emprego que están en marcha dende hoxe en 14 concellos do sur da provincia (comarcas de Lemos, Quiroga, A Ulloa e Chantada), logo de que esta mesma mañá arrancaran o de Monforte de Lemos e o que comparten os concellos de Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste preto de 1,5 millóns de euros no conxunto dos proxectos (1.486.000 euros), que son os de Monforte de Lemos (acondicionamento das instalacións da Escola Obradoiro de A Pinguela), Sillor V (Ribas de Sil, Folgoso do Courel e Quiroga), Serra do Faro V (Chantada e Carballedo), Baliño 2 (Pantón, O Saviñao e Sober) e Ulla-Miño V (Antas de Ulla, Palas de Rei, Monterroso, Taboada e Portomarín). Cada obradoiro recibe 288.800 euros e conta con 20 participantes.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, desprazouse a Monforte e a Ribas de Sil para participar na inauguración destas iniciativas, e lembrou que todos os alumnos traballadores obterán un certificado de profesionalidade que os cualificará para exercer a especialidade elixida en calquera punto do Estado.

Do total de contratos realizados, un centenar corresponde a alumnos traballadores, que reciben formación teórica e práctica para reorientar a súa traxectoria laboral; o resto son monitores, directores e persoal de administración.

Ademais, tres dos proxectos optaron pola fórmula dos obradoiros duais, que é a principal novidade desta convocatoria e supón que o alumnado pode sumar ao contrato de formación e aprendizaxe no obradoiro -que dura nove meses- outro posterior nunha empresa do entorno de polo menos tres meses máis. En concreto, está previsto que poidan acollerse a esta modalidade 11 alumnos do Serra do Faro, nove do Ulla-Miño e oito do de Monforte de Lemos.

Programación de obras previstasJosé Manuel Balseiro explicou que os obradoiros de emprego realizan obras de mellora nos municipios que os acollen. En concreto, os que hoxe comezan actuarán no acondicionamento de instalacións públicas para que os participantes poidan poñer en práctica as especialidades na que se están formando, relacionadas coa construción e a albanelaría.

Así, o proxecto Sillor V formará en “Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción” a sete persoas en Folgoso do Courel, que traballarán na rehabilitación das escolas da Teixeira e O Carballal e o seu entorno para convertelas en centro social e realizará os remates interiores do centro social de Sobredo.

A especialidade de “Operacións auxiliares de albanelaría, de fábricas e cubertas” terá seis alumnos en Ribas de Sil, dedicados á construción do Museo da Minaría Romana, e outros sete en Quiroga, para avanzar na ampliación do Museo Xeolóxico e acometer a reforma interior do pavillón polideportivo municipal.

En canto ao proxecto de Monforte de Lemos, oito alumnos fórmanse en “Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción” e doce en “Fábricas de albanelaría”, e traballarán no acondicionamento das instalacións das escola obradoiro da Pinguela.

Durante estes días estanse a poñer en marcha a totalidade dos 20 obradoiros previstos na provincia de Lugo, dous deles para menores de 30 anos -ambos xa iniciados, en Lugo e Ribadeo-. En total, involucran a 50 concellos, supoñen un investimento da Xunta de 5,5 millóns de euros e suman 472 contratacións.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre