Inicio Galicia Un total de 10 empresas presentan as súas ofertas para o deseño...

Un total de 10 empresas presentan as súas ofertas para o deseño do novo espazo público que albergará a parcela da actual estación de autobuses de Lugo

0

O contrato técnico para redactar o proxecto de urbanización da contorna desta terminal disporá de 5 meses, e permitirá a creación dunha gran praza de uso social, ambiental e comercial que incluirá un intercambiador de transporte

Un total de 10 empresas veñen de presentar as súas ofertas para a redacción do proxecto básico para o deseño do novo espazo público que albergará a parcela actual da estación de autobuses de Lugo. O contrato de asistencia técnica para a elaboración da proposta de demolición da terminal e a urbanización desta contorna ten como obxectivo acadar un espazo público de uso social, ambiental e comercial que incluirá un intercambiador de transporte. O prazo establecido para a redacción deste proxecto é de 5 meses e o orzamento ascende a case 48.000 euros.

A construción da nova terminal de autobuses implicará que a actual estación deixe de funcionar como tal, polo que este contrato permitirá definir o uso que se lle vai dar a estes terreos para a súa integración na trama urbana, evitando o impacto que podería xerar ter unhas instalacións pechadas en pleno centro da cidade.

Neste sentido, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade traballa para dotar aos veciños dun gran espazo público con zonas de paseo, mobiliario urbano, parque infantil, zonas verdes e na que se reserva espazo para pequenos locais comerciais ou de restauración.

Ademais deseñarase un punto de parada de autobús intermedio, con marquesiña, que sirva como intercambiador e desde o que se podería habilitar un bus lanzadeira cara á intermodalNova estación de autobuses intermodalEn canto á redacción do proxecto básico e de execución da nova estación de autobuses intermodal de Lugo, o departamento de Infraestruturas da Xunta ten recibido as ofertas dun total de 4 empresas interesadas.

Este contrato para a futura terminal conta cun orzamento de case 195.000 euros e dispón dun prazo total duns 11 meses.

Na redacción do proxecto básico e de execución da terminal de autobuses serán considerados os estudos previos da Xunta e o anteproxecto da nova área de transporte intermodal de Lugo redactado polo ADIF.

Tal e como recollen os estudos previos e o anteproxecto da nova terminal de autobuses intermodal, o espazo de circulación de dársenas e as plataformas coa súa cuberta de protección deberán ir enriba do aparcadoiro subterráneo incluído no proxecto que redactará ADIF. Trátase de buscar unha perfecta integración da nova terminal de autobuses tendo en conta o espazo no que se situará o novo edificio de atención aos viaxeiros e as dársenas de transporte.

Na redacción deste proxecto de execución da nova estación de autobuses intermodal a empresa que resulta adxudicataria determinará ademais os materiais construtivos e o deseño arquitectónico da terminal, buscando a maior funcionalidade e servizo aos usuarios e o menor impacto na súa contorna. Tamén terá que definir as entradas e saídas da terminal, tanto para os autobuses, como para turismos ou o tránsito de peóns.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre