Inicio Galicia Un Museo Centro Gaiás virtual acolle en novembro a Maker Faire Galicia...

Un Museo Centro Gaiás virtual acolle en novembro a Maker Faire Galicia que estrea un novo formato en liña

0
image_gallery.jpg

Unha recreación virtual en 360 graos deste espazo será o marco no que as persoas que se conecten desde calquera lugar poidan interactuar cos proxectos expostos no encontro, unha das feiras ‘maker’ máis importantes de Europa


O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura transfórmase este novembro no espazo virtual que acollerá a Maker Faire Galicia, que na súa sexta edición estrea un novo formato totalmente en liña. O encontro volverá ser un grande escaparate para a creatividade e o enxeño, pensado para todos os públicos, ao que neste ano atípico se accederá de maneira remota desde calquera punto do planeta.

O evento lanzou a plataforma en liña na que as persoas interesadas poden xa rexistrarse de balde para asistir ao evento, que se desenvolverá entre o 18 e o 22 de novembro. Nesta plataforma, os e as visitantes poderán acceder ao interior do Museo Centro Gaiás, convertido nun entorno virtual en 360 graos. Movéndose a través deste espazo, poderán interactuar con cada un dos expositores participantes, conectándose en directo cos e coas makers para coñecer polo miúdo os seus proxectos.

Ademais deste espazo expositivo, programaranse diferentes charlas e obradoiros durante os cinco días do evento, que inclúe dúas xornadas dedicadas ao ámbito profesional e empresarial, unha centrada no eido educativo e outras dúas destinadas a público xeral e moi especialmente aos e ás makers máis novas. Personalidades do ámbito da neurotecnoloxía, do desenvolvemento de aplicacións, ou influencers do do it yourself cóntanse entre os relatores dun programa que poderá seguirse enteiramente a través de videoconferencia.

Proxectos de neurociencia ou robóticaDous dos nomes máis destacados do programa deste ano veñen dos campos da robótica e a da neurociencia. Trátase por un lado de Yannick Roy, co-fundador e director executivo de NeuroTechX, a comunidade internacional máis grande de entusiastas da neurotecnoloxía. Esta organización sen ánimo de lucro loita por difundir coñecemento, recursos e oportunidades de aprendizaxe arredor da neurotecnoloxía, e xerar sinerxías entre proxectos de innovación neste eido. A comunidade conta xa con 16.000 membros en todo o mundo, que comparten información e impresións sobre proxectos de neurociencia, tecnoloxía e DIY.

Por outra banda, participará tamén o coñecido youtuber especialista en robótica James Bruton. Antigo deseñador de xoguetes, este enxeñeiro eléctrico e mecánico levou a súa paixón pola robótica a outro nivel coa creación de incribles proxectos de código aberto que comparte de xeito gratuíto con vídeos detallados que sobe ao seu canal. Un dos seus proxectos máis coñecidos é o can robótico coñecido como “Open Dog”.

Da ‘comida real’ ao espazo exteriorTamén terán o seu oco na Maker Faire Galicia temas de tanta actualidade como o realfooding, un movemento que medrou de xeito exponencial nos últimos anos. O programa incluirá unha charla da co-creadora e CEO de MyRealFood, Sofía Belenguer, que falará das orixes e evolución desta aplicación, popularizada polo nutricionista Carlos Ríos que tamén está detrás do proxecto, que axuda ás persoas a volver e manter unha dieta saudable baseada na “comida real”, deixando de lado produtos ultraprocesados. Tamén no eido da alimentación contarase con Maitane Alonso, a maker que sorprendeu á NASA coa súa máquina de conservación de alimentos.

E xa no eido da industria espacial compartirá tamén a súa experiencia Antón Vázquez de Alén Space, unha empresa galega dedicada ao desenvolvemento, deseño e construción de satélites dixitais, tanto software como hardware.

Completan o programa iniciativas do eido social como a iniciativa Cosendo o paro, que traballa na integración sociolaboral de persoas en risco de exclusión como nais migrantes ou mulleres expresidiarias, que traballan no deseño e confección de roupa e outros produtos.

A Maker Faire Galicia 2020 celebrarase co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, e Asociación para el Progreso de la Dirección (APD).

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre