Inicio Galicia Un milleiro de persoas participan na carreira ‘Holi Gaiás’ para darlle a...

Un milleiro de persoas participan na carreira ‘Holi Gaiás’ para darlle a benvida á primavera en contacto coa natureza

0

Forma parte de ‘Cidade Verde’, programa para pór en valor os espazos verdes da Cidade da Cultura, que incluíu andainas e unha demostración de papaventos

Un milleiro de persoas, entre elas moita cativada, participaron este sábado, día 5, na divertida carreira da Holi Gaiás, na Cidade da Cultura de Galicia, para darlle a benvida á primavera dun xeito divertido, familiar e en contacto coa natureza, xa que precisamente este actividade forma parte do programa Cidade Verde que se desenvolveu durante a xornada de hoxe e incluíu andainas interpretativas polo Bosque de Galicia e unha demostración de papaventos para tirar proveito e vantaxes do vento tan característico do cumio do monte Gaiás.

A Holi Gaiás volveu á Cidade da Cultura e con ela o seu espírito nada competitivo, no que o importante non foi gañar senón celebrar a chegada da primavera cunha explosión de cores. Inspirada no festival ‘Holi’ da India, grandes e pequenos percorreron, a partir das 12 horas, 5 quilómetros do Bosque de Galicia e o complexo arquitectónico.

Para a saída e a entrega de premios contouse co secretario técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Oitavén Barcala, que estivo acompañado pola directora de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, María Pereira Otero, e tamén con representantes dos patrocinadores e colaboradores de Cidade Verde: José Luis Míguez Rey, do Comité de Dirección de Viaqua; Óscar Hermida Otero, xerente da Fundación USC; e Iván San Martín, delegado da Federación Galega de Atletismo.

A Holi Gaiás 2018 contou cun milleiro de persoas que se contaxiaron da música que os animou durante todo o percorrido e non pararon de bailar, rir, choutar e cantar acompañados en todo momento por fumes multicores que crearon un ambiente distendido e de diversión.

Nesta carreira establecéronse dúas categorías, establecidas segundo un criterio de idade: de 10 a 18 anos e a partir da maioría de idade. Así mesmo, e a pesar do carácter lúdico e non competitivo, si que se tivo en conta os e as máis espelidas da Holi Gaiás deste ano cunha medalla conmemorativa cos tres primeiros e primeiras corredoras de cada categoría.

Andainas Cidade VerdeCo obxectivo de dar a coñecer os espazos verdes do Gaiás, Cidade Verde incluíu durante a xornada tres andainas polo Bosque de Galicia, a través dos novos sendeiros conseguidos coa ampliación que se está a levar a cabo e que permitirá que este gran pulmón verde de Santiago de Compostela aumente de 24 a 34 o número de hectáreas.

Deste xeito, contouse cunha andaina interpretativa sobre o espazo do Bosque de Galicia en si; outra ornitolóxica sobre as aves que habitan na zona; e unha micolóxica que permitiu coñecer a vexetación e as especies autóctonas desta área verde. Todas elas supuxeron descubertas do hábitat e da flora e fauna do monte Gaiás que abraiaron a moitos dos participantes.

Papaventos no GaiásCompletou esta xornada de contacto coa natureza a través de accións lúdicas de Cidade Verde, a actividade de Papaventos no Gaiás. Con esta acción, o ceo do monte Gaiás cubriuse de espectaculares formas, cores e movementos sorprendentes nun xeito divertido de tirar proveito dos ventos tan característicos da zona e tamén como un plan en familia, no que grandes e pequenos se achegaron á construción, deseño e manexo destes trebellos que cativan a todas as idades e xeracións.

Ademais, permitiuse que os participantes puidesen traer os seus propios papaventos para botalos a voar nos descansos da exhibición dos clubs participantes, que procedían da Coruña, Euskadi e Madrid. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre