Inicio Galicia Un informe de expertos xurídicos confirma que as subvencións que reciben os...

Un informe de expertos xurídicos confirma que as subvencións que reciben os agricultores mozos deben cualificarse como axudas de capital tal e como defendía a Xunta

0

Deste xeito, a imputación do tributo debe facerse pola amortización do investimento realizado ao longo do período de cinco anos, non nun único pago

O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu esta mañá no pazo de Quián (Sergude) a reunión do Consello Agrario de Galicia, onde destacou que o seu departamento encargou un informe xurídico sobre a tributación dos mozos que se incorporan ao agro. Así, sinalou que este ditame vén a confirmar as teses da Consellería, subliñando que as subvencións que reciben os mozos deben ser cualificadas como axudas de capital e non como subvencións correntes.

Deste xeito, indicou o conselleiro, a imputación do tributo debe facerse pola amortización do investimento realizado ao longo do período de cinco anos e non considerarse axuda á renda dos agricultores nun único pago. Este feito, insistiu, ten unha gran importancia desde o punto de vista fiscal, por iso os mozos beneficiarios das axudas convocadas a partir do 2014 tiveron dereito a reclamaren a devolución de ingresos indebidos na súa declaración da renda. Neste senso, José González informou aos asistentes que este informe será remitido ao Goberno central para que teña en conta estas teses de cara a futuros exercicios fiscais. O conselleiro matizou que o obxectivo desta consulta xurídica é que os mozos teñan un tratamento fiscal o máis beneficioso posible, co fin de impulsar a súa actividade de desenvolvemento e dinamización do rural galego.

Na mesma liña, José González anunciou ademais que se lle vai solicitar ao Estado un tratamento especial na Seguridade Social aos traballadores agrarios a tempo parcial e un réxime específico de tributación para os colleiteiros de castaña, co idéntico obxectivo de rebaixar a presión fiscal sobre estes colectivos.

Lei de recuperaciónNoutra orde de cousas, o conselleiro aproveitou a xuntanza desta mañá para explicar os principais contidos da futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia, que iniciará proximamente a súa tramitación.

Así, José González destacou que o principal obxectivo desta norma é loitar contra o abandono e facilitar base territorial suficiente a aquelas explotacións que a precisan, ao tempo que se procura anticiparse aos lumes e traballar na mellora da calidade de vida da poboación no rural. Para todo isto, matizou, contémplanse tamén beneficios fiscais e outras medidas de fomento para o impulso de proxectos de recuperación de terras. Neste liña, explicou o titular de Medio Rural, poñeranse en marcha ferramentas voluntarias como os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras.

Ademais, explicou, a lei impulsará dous instrumentos clave, como son o Banco de Terras, que se axilizará, e o Banco de Explotacións. Este último servirá para facilitar o contacto entre agricultores e gandeiros que vaian deixar a súa actividade e outras persoas interesadas en darlle continuidade, co fin de evitar o seu desmantelamento e o das terras que as conforman.

Axudas agrogandeiras e PACJosé González insistiu en que a Consellería manterá cara o ano 2021 todas as axudas en materia agrogandeira, posto que os fondos para ese chamado “período transitorio” van proceder do orzamento da Unión Europea asignado a Galicia para ese mesmo ano. Así o indicou a Comisión Europea, que sinalou que os estados membros poderán contar co orzamento preciso para poder levar as cabo as correspondentes convocatorias de achegas. Ademais, o propio conselleiro presentou hoxe na reunión un informe con argumentos de especialistas na materia que avala precisamente esta cuestión. Quixo así lanzar de novo unha mensaxe de tranquilidade aos agricultores e gandeiros, especialmente en relación co mantemento das axudas agroambientais en zonas de montaña nos anos 2020 e 2021, tal e como estaba previsto.

Finalmente, o conselleiro adiantou a creación dun grupo de traballo específico dentro do Consello Agrario para abordar a futura PAC, co fin de impulsar diferentes liñas de actuacións que teñan en conta as peculiaridades e necesidades de Galicia. Un grupo que se vén sumar ao creado ao abeiro do convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) para a elaboración do Plan Estratéxico da PAC en Galicia Horizonte 2030. Para iso, teranse en conta diferentes ítems, destacado a recuperación de terras agrarias, o apoio ás pequenas e medianas explotacións e as distintas estratexias nas que está traballando a Consellería para impulsar diversos sectores produtivos, tales como o vinícola, o apícola, a agricultura ecolóxica, a artesanía alimentaria etc.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre