Inicio Galicia Un grupo de turoperadores de luxo coñecen Galicia desde hoxe para ofrecer...

Un grupo de turoperadores de luxo coñecen Galicia desde hoxe para ofrecer ao mercado americano experiencias exclusivas

0

A Consellería de Cultura e Turismo organiza unha viaxe de familiarización para cinco axencias especializadas neste segmento de alto valor engadido

Coa intención de reforzar a promoción de Galicia no mercado americano, a Xunta de Galicia organiza desde hoxe e ata o vindeiro mércores unha viaxe de familiarización para representantes de diferentes axencias especializadas en turismo exclusivo e de luxo dese país. Os profesionais coñecerán recursos naturais, patrimoniais e gastronómicos da Comunidade galega para deseñar e ofrecer despois experiencias turísticas en Galicia a este tipo de mercado.

A acción desenvólvese en colaboración coa Oficina Española de Turismo dos Ánxeles e o turoperador Exclusivelyspain.us. Participarán un total de cinco axentes especializados en turismo personalizado ou de pequeno grupos, turismo enogastronómico e relixioso que contan entre os seus clientes con empresas de Silicon Valley, a industria do cine e do arte ou directivos de empresas multinacionais, entre outras.

No programa da viaxe inclúense visitas a varias adegas, prospeccións en establecementos hoteleiros e visitas a lugares como a cidade de Santiago de Compostela, visitando emprazamentos como a Cidade da Cultura, o Monte do Gozo ou o casco histórico. Tamén estarán na cidade de Lugo e a Ribeira Sacra. Achegaranse ata a comarca do Ribeiro, en Ourense, incluíndo visita ao Museo do Viño, e tamén estarán en localidades como Vigo e Baiona.

Camiño Portugués da CostaOs turoperadores coñecerán tamén algúns dos restaurantes con Estrella Michelin de Galicia e farán parada en recursos como o Monte de Santa Trega e, no concello de Oia, farán a pé un tramo do Camiño Portugués da Costa. Combarro, Pontevedra, Sanxenxo, a illa da Toxa ou Cambados son outras das visitas previstas nesta viaxe.

Con esta acción, Galicia continúa a reforzar o seu traballo para impulsar o turismo entre o mercado americano. É o terceiro país estranxeiro do que Galicia recibe máis turistas e tamén o terceiro país do que chegan máis peregrinos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre