Inicio Galicia Un estudo do proxecto Cleanatlantic revela que o 80% dos pescadores de...

Un estudo do proxecto Cleanatlantic revela que o 80% dos pescadores de Galicia están dispostos a participar en programas de recollida de lixo mariño

0
image_gallery.jpg

As conclusións desa análise socioeconómica sobre a percepción dos mariñeiros galegos en relación a estes refugallos déronse a coñecer hoxe nunha xornada na que se presentaron os resultados desta iniciativa europea que coordina o Centro Tecnolóxico do Mar


Un estudo socioeconómico desenvolvido no marco do proxecto europeo CleanAtlantic analizou as percepcións dos pescadores de Galicia sobre o lixo mariño e revela que un 80% dos enquisados estarían dispostos a participar en programas de pesca de lixo se se establecen mecanismos que faciliten eses traballos. Neste sentido, apostan por mellorar a xestión dos refugallos en porto e pola repartición gratuíta de sacos ou bolsas para almacenalos nas embarcacións.

Os resultados provisionais extraídos das cerca de 200 enquisas realizadas pola Universidade de Santiago de Compostela a mariñeiros de artes menores, cerco, palangre e arrastre determinan que para a maioría dos profesionais do sector estes refugallos son unha dificultade para a súa actividade e algúns deles sinalan que adaptaron os seus hábitos de traballo a esta circunstancia.

En relación ás repercusións económicas do lixo mariño no sector, os profesionais do mar estiman que o tempo de traballo dedicado á limpeza das artes de pesca ou a reparación e mantemento das mesmas suponlles un custo de entre 49 e 109 euros ao día. Nesta liña, resaltan a necesidade de aumentar a concienciación, tanto no propio sector como na sociedade en xeral, para evitar a chegada de máis lixo ao mar.

As conclusións destes e doutros estudos socioeconómicos sobre o impacto do lixo mariño non só no sector pesqueiro galego, senón tamén no turismo (en Irlanda e Inglaterra) e na acuicultura (en Madeira), déronse a coñecer esta tarde nun seminario virtual organizado polo Intergrupo do Parlamento Europeo Searica (Seas, Rivers, Islands and Coastal Areas) baixo o título Lixo mariño: Accións da UE para o futuro dos nosos océanos.

O obxectivo do evento, no que tamén participou a directora xerente do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, Paloma Rueda, era presentar os resultados que o proxecto CleanAtlantic, coordinado polo centro dependente da Consellería do Mar, está a producir na loita contra o lixo mariño e que virán reforzar as iniciativas da Unión Europea para a protección e mellora do estado ambiental dos mares.

Ferramentas do proxectoUn deses resultados é a base de datos en liña que recompila e clasifica recursos informativos sobre o lixo mariño e que está a liderar o Centro Tecnolóxico do Mar coa colaboración de todos os socios de CleanAtlantic. Esta ferramenta foi presentada por expertos da Fundación Cetmar e estará dispoñible a finais de ano na web do proxecto. Actualmente conta con 823 rexistros que abordan distintas vertentes do lixo mariño, extraídos de 161 proxectos e de 111 organizacións tanto europeos como nacionais.

Tamén se deu a coñecer o modelo matemático no que está a traballar a Universidade de Santiago de Compostela xunto ao Intecmar, socios portugueses (IST e Arditi), irlandeses (MI) e británicos (Cefas) e que permitirá estimar o movemento do lixo mariño no Atlántico europeo a escala global, rexional e local. Con este programa informático poderanse facer mapas do camiño que segue o lixo mariño desde distintas fontes (ríos, portos, rutas marítimas, etc.) e predicir os lugares preferentes de acumulación. Isto permitirá establecer estratexias de limpeza ou de control de entrada de lixo nos mares.

Todos estes resultados presentados no seminario cos parlamentarios europeos servirán de base para establecer un diálogo sobre a súa contribución ás iniciativas en marcha desde a Unión Europea así como para estudar posibles sinerxías con outras rexións como o Báltico.

Proxecto InterregCleanAtlantic é un proxecto europeo de cooperación transnacional financiado por Interreg Espazo Atlántico que ten como obxectivo mellorar o coñecemento e as capacidades para monitorizar, previr e reducir o lixo mariño, así como aumentar a concienciación sobre o seu impacto. Os 19 socios participantes nesta iniciativa proveñen de cinco países europeos da costa atlántica: Irlanda, Reino Unido, Francia, España e Portugal, e entre eles atópanse catro entidades galegas: o Cetmar, que é a entidade coordinadora do proxecto, o Intecmar, o Instituto Español de Oceanografía – Centro Oceanográfico de Vigo e a Universidade de Santiago de Compostela.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre