Inicio Galicia Un convenio entre a Xunta e o Ministerio de Defensa permitirá a...

Un convenio entre a Xunta e o Ministerio de Defensa permitirá a 150 traballadores do sector da vixilancia e seguridade privada acreditar a súa experiencia profesional

0

Participarán nunha fase de asesoramento entre a segunda quincena de xullo e finais de setembro e en outubro terán lugar as probas de avaliación que deberán superarse para obter a acreditación

Un total de 150 traballadores do sector da vixilancia e seguridade privada poderán acreditar este ano a súa experiencia laboral a través do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral en determinadas cualificacións profesionais (REXP). Estas 150 persoas desenvolverán unha fase de asesoramento entre a segunda quincena de xullo e finais de setembro e en outubro realizarán as probas de avaliación que terán que superar para obter a acreditación.

O recoñecemento da experiencia laboral no sector da vixilancia e seguridade levarase a cabo en execución dun convenio de colaboración asinado entre o Ministerio de Defensa e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, que dirixe Pablo Casal.

Na actualidade está en marcha a 13ª convocatoria da REXP, unha iniciativa que a Xunta convoca desde o ano 2011. Desde entón, nas 12 edicións xa rematadas, convocáronse un total de 17.761 prazas con resultados moi satisfactorios: preto dun 95% obtiveron unha acreditación.

Nesta edición que está en marcha, incluíronse 11 cualificacións profesionais a demanda dos sectores produtivos, entre as que destacan dúas novidosas: a de vixilancia e seguridade privada e a de instrución de ioga. As nove restantes son: atención sociosanitaria a persoas dependentes no domicilio; en institucións; servizos para o control de pragas; socorrismo acuático en instalacións; en espazos acuáticos naturais; extinción de incendios e salvamento; operacións de vixilancia e extinción de incendios forestais e apoio a continxencias no medio natural e rural; docencia da formación para o emprego; e confección e mantemento de artes e aparellos.

Están inscritos máis dun millar de galegos e galegas que terán que levar a cabo unha fase de asesoramento e avaliación para poder obter a acreditación. Para levar a cabo estas fases, a Xunta conta con asesores e avaliadores habilitados para este procedemento e con diversas sedes repartidas nas catro provincias galegas. En total, traballan neste eido 381 expertos como persoal asesor e 408 avaliadores.

O obxectivo deste procedemento para recoñecer a experiencia profesional é facilitarlles aos galegos e galegas a súa inserción no mercado de traballo, especialmente a aqueles colectivos que carecen dunha cualificación recoñecida, a aqueles traballadores que non puideron formarse pero adquiriron todas as súas competencias profesionais no propio posto de traballo a través da práctica, da experiencia profesional e de vías non formais de formación. A falta de acreditación pode converterse nun obstáculo para a integración laboral e promoción profesional destes traballadores e, por iso, púxose en marcha este procedemento.

As vantaxes que achega aos traballadores e traballadoras son a obtención dunha acreditación oficial con validez en todo o territorio do Estado, o fomento da mobilidade no mercado de traballo, o incremento das posibilidades de atopar un traballo e a mellora da súa cualificación profesional.

En definitiva, do que se trata é de dar resposta ás necesidades de cualificación dos traballadores e traballadoras de determinados sectores profesionais e produtivos, de determinadas empresas ou de colectivos que lles permita a súa empregabilidade e promoción profesional.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre