Inicio Galicia Un cento de docentes de todas as etapas educativas participan nunha xornada...

Un cento de docentes de todas as etapas educativas participan nunha xornada de formación en Igualdade

0

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participaron na apertura dos relatorios

Arredor dun cento de docentes de todas as etapas educativas participan hoxe nunha xornada de formación baixo o lema “Igualdade e retos en educación”, con relatorios sobre o papel das mulleres no ámbito científico-tecnolóxico, no cine ou na literatura, así como talleres de boas prácticas sobre os patios educativos e as maletas de igualdade, entre outros.

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, participaron na inauguración da xornada, que contou coa presenza da enxeñeira informática e coordinadora dos cursos INTEF (Instituto Nacional de Tecnologías y Formación de Profesorado do Ministerio de Educación), Lorena Fernández Álvarez; e da doutora e investigadora da Universidade de Valencia, Ana López Navajas; entre outras profesionais e docentes.

Na súa intervención, a conselleira Carmen Pomar subliñou que a tarefa de educar sen distinción de xéneros require dun “enfoque integral” no que debe colaborar o conxunto da sociedade. Neste senso, puxo en valor o espírito de colaboración entre os distintos departamentos da Administración autonómica, como é o caso da Consellería de Educación e a Secretaría Xeral de Igualdade, que deu lugar ao “I plan de actuacións para a igualdade nos centros educativos de Galicia 2016-2020” e que, segundo dixo, “permitiu o reforzo, tanto para o alumnado como para os docentes, da formación en igualdade de mulleres e homes, da non discriminación por identidade sexual, ou da necesidade de rexeitar e combater a violencia de xénero”.

Pomar reafirmou o compromiso do seu departamento coa equidade e coa educación, que se reflicte nunha firme aposta pola formación específica do profesorado -como é o caso desta xornada- e coa posta en marcha de accións concretas para o alumnado como son as materias de libre configuración autonómica Igualdade de Xénero, dirixida a estudantes de 1º e 2º de ESO, e Coeducación para o século XXI, para alumnado de 1º de Bacharelato.

A titular de Educación manifestou, así mesmo, a necesidade dunha evolución social e normativa aplicable ao sistema educativo “que demandan enfoques máis ambiciosos e integrais para situar a igualdade como un elemento consubstancial á organización educativa”, cuestións para as que a formación do profesorado resulta imprescindible.

Pola súa banda, a secretaria xeral da Igualdade incidiu na necesidade de promover a igualdade de xénero no ámbito educativo e concienciar ao alumnado de que cada un pode ser o que queira ser sen importar ser muller ou home. López Abella resaltou que a educación en igualdade e un modelo educativo que fomente a equidade entre mulleres e homes contribúe a impulsar o cambio de valores, así como a eliminar os prexuízos e estereotipos que sustentan a desigualdade de xénero. Nesta liña, reafirmou o compromiso do Goberno galego coa igualdade de oportunidades e para recoñecer o traballo das mulleres que se adiantaron ao seu tempo e inculcaron estes valores.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre