Inicio Galicia Un autobús da Xunta de Galicia divulgará mañá no campus universitario de...

Un autobús da Xunta de Galicia divulgará mañá no campus universitario de Ferrol os programas de voluntariado

0

O bus percorrerá as sete cidades e algunhas das principais vilas galegas baixo a lenda Engánchate ao voluntariado

A Consellería de Política Social inicia mañá en Ferrol unha campaña de promoción da acción voluntaria cun autobús desde o que se ofrecerá información sobre os programas do Goberno galego nesta materia. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitará este autobús, que estará no campus universitario ferrolán e que percorrerá ao longo dos vindeiros once días as principais cidades e vilas galegas baixo a lenda Engánchate ao voluntariado. En concreto, estará emprazado de 11,00 a 14,00 horas diante da Facultade de Podoloxía, en Esteiro; e de 16,00 a 20,00 horas na explanada da Escola Universitaria Politécnica, en Serantes.

Esta iniciativa forma parte da conmemoración do Día Internacional do Voluntariado o vindeiro 5 de decembro. Ao fío desta data, a Xunta de Galicia desenvolverá varias actividades coa finalidade de poñer en valor a importancia das accións voluntarias e para que cada vez sexan máis as galegas e galegos dispostos a participar nas mesmas.

Así, a primeira semana de decembro será a Semana do Voluntariado, dado que se programará unha acción voluntaria para cada día vinculada a un ámbito concreto. Dentro do voluntariado social, entregaranse os diplomas do curso de lingua de signos para persoas voluntarias que se está levando a cabo de xeito presencial no centro coordinador de información e documentación xuvenil de Santiago de Compostela. Cómpre resaltar que esta iniciativa forma parte dun dos obxectivos do protocolo asinado entre a Consellería de Política Social e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia para promover o voluntariado na atención ás persoas xordo-cegas.

Pola súa banda, a nivel cultural, o martes 3 de decembro realizaranse labores de limpeza da área arqueolóxica no Parque de Arte Rupestre de Campo Lameiro. No ámbito do voluntariado educativo, o colexio Carmelitas de Ourense expoñerá todo o traballo que desenvolve no marco do programa Pasaporte Solidario, que por primeira vez este curso forma parte do Plan Proxecta.

Encontro de campos de voluntariadoAsí mesmo, o propio día 5 terá lugar un encontro entre participantes galegos nos campos de voluntariado de Galicia, doutras comunidades e do estranxeiro, que se celebrará no auditorio do CGAC en Santiago de Compostela. Os campos de voluntariado enmárcanse na Campaña de Verán que todos os anos programa a Xunta de Galicia. Neste 2019 ofertáronse un total de 643 prazas, 40 máis con respecto a 2018, en 30 campos diferentes. A temática destas actividades abranguen a medioambiental, a etnográfica, a social, a arqueolóxica e a patrimonial. Todas comparten unha faceta dinamizadora e impulsora da zona onde se levan a cabo, así como o seu carácter internacional coa participación de xuventude doutras nacionalidades.

Voluntariado nas Mariñas Coruñesas e Terras do MandeoPor último, e para finalizar esta Semana do Voluntariado, a Consellería de Política Social programa unha actividade de voluntariado ambiental na Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo desde o venres 6 ao domingo 8. Esta acción enmárcase no programa LEWO (Life Envergreen with Volunteer) da Comisión Europea, co que se facilita que as mozas e mozos galegos se impliquen en accións de voluntariado ambiental en diferentes en zonas da comunidade de gran valor natural.

Cómpre resaltar que, tanto para a actividade en Campo Lameiro (10 prazas) como para a enmarcada no proxecto LEWO (20 prazas), o prazo de inscrición de senllas actuacións abrirase este luns 25 de novembro. As persoas que desexen participar deberán cubrir un formulario de solicitude dispoñible en www.voluntariagogalego.org.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre