Inicio Galicia Tres positivos máis elevan a 11 os casos de coronavirus relacionados co...

Tres positivos máis elevan a 11 os casos de coronavirus relacionados co brote de Xove

0

Das 26 probas realizadas hoxe confírmanse tres casos positivos e 23 negativos pertencentes ao brote detectado en Xove

A Consellería de Sanidade informa que, nestes momentos, segundo as probas realizadas hoxe, confírmanse outros tres casos positivos de persoas afectadas por covid-19, o que eleva a 11 o número de casos do brote inicial detectado en Xove pola Plataforma de Vixilancia e Control Epidemiolóxica e polos Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas.

Trátase dun brote familiar de infección por covid-19 que se detectou na tarde do martes no concello de Xove. A partir desta confirmación, fíxose un rastrexo e analizáronse todos os contactos da persoa afectada. Das 26 probas realizadas hoxe, confírmase a existencia de 3 casos positivos en covid-19 máis (o que eleva a 11 o número de casos do brote de Xove). Outras 23 probas arroxaron resultado negativo.

Desde a detección do primeiro positivo do foco identificado, activouse de forma inmediata o protocolo de seguimento e realizáronse as probas PCR a todos os contactos estreitos deste positivo, actuacións que se seguen a desenvolver nestes momentos.

Dos 11 casos positivos a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días. Do mesmo xeito, as persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecerán en seguimento no seu domicilio, asesorados pola Plataforma de Vixilancia Epidemiolóxica e os Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas. Ningún afectado dos positivos do brote detectado en Xove tivo que ser hospitalizado.

A Consellería de Sanidade segue a rastrexar a persoas relacionadas con este brote familiar e séguense a investigar posibles contactos.

Así mesmo informar que, á marxe deste brote, nestes momentos na comarca de A Mariña hai outros tres positivos por covid-19. Un dos pacientes está ingresado no Hospital Público da Mariña e os outros dous permanecen en seguimento domiciliario.

Desde o Sergas queremos destacar o correcto funcionamento dos protocolos de vixilancia e control e lembrar á cidadanía a necesidade de continuar a aplicar as medidas hixiénico-sanitarias establecidas desde o inicio da pandemia do coronavirus, poñendo especial énfase na necesidade de empregar sempre as máscaras, naqueles espazos onde non é posible gardar a distancia de seguridade social.

A Consellería de Sanidade reitera á cidadanía que empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus. Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 881 00 20 21 para persoas de fóra da comunidade autónoma que visiten Galicia e desexen consultar dúbidas ou sintomatoloxía relacionada coa covid-19.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre