Inicio Galicia Trenor clausura o obradoiro de emprego da Laracha que formou 20 alumnos...

Trenor clausura o obradoiro de emprego da Laracha que formou 20 alumnos en conservación e mellora de montes e en carpintería e moble

0
image_gallery.jpg

O representante do Goberno autonómico animou aos participantes a saír a buscar emprego co aval da mellor formación adaptada ás necesidades das empresas da contorna


O delegado territorial da Coruña na Xunta, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde da Laracha, José Manuel López, clausurou esta mañá o obradoiro de emprego Laracha VI, no que participaron 20 alumnos e que contou con dúas especialidades carpintería e moble e actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. Este curso para desempregados contou cun investimento de máis de 400.000 euros.

Trenor apuntou que despois de algo máis dun ano de formación, xa que estes cursos se pospuxeron durante os meses de confinamento e se retomaron cumprindo coa duración establecida inicialmente, “agora toca saír a buscar un emprego co aval da mellor formación nunha área na que existe unha gran demanda”.

O delegado da Xunta recalcou que agora “estades mellor preparados ca nunca para conseguir un posto de traballo o para emprender proxectos propios porque contades cun título oficial válido en toda España que acredita a vosa preparación”. Neste senso, desexoulles aos participantes o mellor nestes meses de tanta dificultades e animou aos alumnos a poñer empeño e vontade para acadar os seus obxectivos.

O representante do Goberno autonómico lembrou a dobre utilidade destes cursos porque “por unha banda ofrecen aos participantes unha remuneración que lles permite poder poñer toda a atención na súa formación teórica e por outra, na parte práctica, céntranse en actuacións e na prestación servizos municipais polo que son moi valorados polos propios concellos que son os encargados da organización e da selección do profesorado e dos participantes”.

Gonzalo Trenor lembrou que na comarca de Bergantiños-Costa da Morte está prevista a realización de tres obradoiros: dous ordinarios duais e un de garantía xuvenil. Concretamente os ordinarios celebrarase en Muxía, compartido con Camariñas e Vimianzo, e outro na Laracha; e o de garantía xuvenil iniciouse xa en Vimianzo. A Xunta achega máis dun millón de euros para os gastos de organización, profesorado e axudas para os participantes.

O curso de Muxía formará a 20 alumnos en promoción turística local e información ao visitante e en actividades auxiliares de conservación e mellora de montes; o curso da Laracha centrarase en actividades auxiliares de conservación e mellora de montes e en traballos de carpintería e moble; e o de garantía xuvenil de Vimianzo en desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxías web e en instalación de elementos de carpintería.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre