Inicio Galicia 'Toponimízate' divulga os nomes da terra en dezaseis localidades da Rede de...

'Toponimízate' divulga os nomes da terra en dezaseis localidades da Rede de Dinamización Lingüística

0

Mazaricos, Manzaneda, Ribadavia, Cambados, Beariz, Ordes, Guitiriz, Lalín, Taboada, Muxía, Noia, Folgoso do Courel, Cerdedo-Cotobade, Pazos de Borbén, Vilalba e tamén o Bierzo acollen as charlas da terceira edición do programa de dinamización lingüística que coordina a RAG en colaboración coa Xunta


A campaña de divulgación da toponimia Toponimízate. Coñece os nomes da túa terra chegará entre os meses de novembro e decembro a 16 localidades da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, presentaron hoxe na Coruña a terceira edición do programa que coordina a RAG coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo.

O secretario xeral de Política Lingüística incidiu no gran valor da toponimia galega e a obriga de protexela. "A Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso coa RAG para salvagardar e poñer en valor o patrimonio inmaterial que constitúen a toponimia e a microtoponimia, unha gran riqueza e obra colectiva dos galegos e das galegas, que non podemos deixar esmorecer". Está previsto ademais que Toponimízate chegue en datas vindeiras a centros de día de maiores, en colaboración co Consorcio Galego de Benestar, segundo avanzou tamén.

Pola súa banda, o presidente da RAG salientou que "con esta iniciativa, pretendemos implicar o conxunto da sociedade, tanto institucións locais como particulares, na reivindicación e defensa dun dos nosos grandes tesouros históricos". "A través dos nomes dos lugares podemos seguir a crónica de nós, a memoria do que somos, a pegada dos devanceiros. Galicia ten unha riqueza neste campo moi superior a calquera outra comunidade europea e é a nosa obriga coidala, estudala e defendela", engadiu Víctor F. Freixanes.

Acompañáronos na presentación María Luísa Pena Babío, en representación da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, e Vicente Feijoo, o especialista en toponimia do Seminario de Onomástica da RAG que impartirá as charlas.

A toponimia como baseA RAG e a Secretaría Xeral de Política Lingüística botan a andar a terceira edición deste programa de promoción da lingua galega para concellos pertenentes á RDL, que toma como base a toponimia de Galicia, disciplina que estuda os topónimos ou nomes propios de lugar e que constitúe un aspecto fundamental do noso patrimonio, ademais de ligar a lingua propia coa xeografía, a historia ou a arqueoloxía de noso. A acción volve enmarcarse nos proxectos Toponimia de Galicia e GeoArpad, coordinados ambos os dous desde a Consellería de Vicepresidencia, Administracións Públicas e Xustiza, coa colaboración da Amtega e da Consellería de Cultura e Turismo. Conta coas achegas do académico correspondente Gonzalo Navaza para a elaboración da información sobre a orixe e o significado dos nomes dos concellos, parroquias e aldeas.

Os encontros céntranse na toponimia galega (nos motivos da abundancia de nomes de lugar no país, toponimia galega como patrimonio inmaterial…) e tamén na propia de cada concello (significados dos nomes das parroquias e das aldeas) e en como consultar a toponimia xeorreferenciada de cada municipio no Buscador de topónimos ou nas utilidades desta ferramenta.

Mazaricos, Manzaneda, Ribadavia, Cambados, Beariz, Ordes, Guitiriz, Lalín, Taboada, Muxía, Noia, Folgoso do Courel, Cerdedo-Cotobade, Pazos de Borbén, Vilalba e tamén o Bierzo acollen as charlas durante os meses de novembro e decembro. As vindeiras citas son mércores 27 en Guitiriz (ás 19,00 horas no Telecentro), o xoves 28 en Lalín (ás 20,00 horas na Biblioteca Valera Jácome), o venres 29 en Taboada (ás 19,00 horas Casa da Cultura) e o sábado 30 no Bierzo (ás 12,00 horas no salón de plenos do Concello de Carucedo).

Toda a información e o calendario de sesións irase actualizando no Portal da Lingua Galega, na Axenda de Cultura de Galicia e no web da RAG. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre