Inicio Galicia Todos os centros do Sergas manteñen activos plans de continxencia fronte á...

Todos os centros do Sergas manteñen activos plans de continxencia fronte á gripe

0

A Consellería garante a atención nos servizos de Urxencias hospitalarias e asegura o funcionamento dos protocolos de resposta elaborados coa antelación debida e coa participación dos profesionais encargados de aplicalos


Á espera do pico da gripe, e cos informes semanais de vixilancia da actividade gripal amosando aínda unha intensidade basal, pero en tendencia crecente, a Consellería de Sanidade garante a atención nos servizos de Urxencias e asegura o funcionamento dos plans de continxencia elaborados coa antelación debida por cada área sanitaria. Estes documentos, nos que se contemplan as actuacións previstas en cada circunstancia para axilizar a resposta segundo vaian crecendo as necesidades asistenciais, foron presentados o pasado mes de outubro.

Os protocolos elabóranse cada ano coa participación dos profesionais responsables da súa aplicación, atendendo a uns criterios xerais para o conxunto do Sergas e incorporando as particularidades precisas en cada demarcación sanitaria. Estes plans priorizan o control e seguimento dos pacientes diana, aqueles de maior complexidade e risco, como son as persoas con pluripatoloxía e os doentes fráxiles, tanto en Atención Primaria como nos servizos hospitalarios de Neumoloxía e Medicina Interna. En calquera caso, garante a Consellería, os usuarios dos servizos de Urxencias son sempre atendidos de acordo coa súa gravidade clínica.

Do mesmo xeito, cómpre lembrar que, máis aló dos propios servizos de Urxencias hospitalarios, os plans de continxencia fronte a gripe coordinan unha ampla rede de profesionais, na que toman parte moitos dos restantes servizos hospitalarios, o 061 e os centros de saúde e Puntos de Atención Continuada da Atención Primaria.

Preto de 600.000 galegos xa están vacinadosA Consellería recorda a importancia da prevención, sendo a vacina anual antigripal a mellor ferramenta para evitar casos graves e complicacións. As cifras de vacinación acadadas desde o comezo da campaña anual de vacinación (o pasado 14 de outubro) e ata as doce da noite do 2 de xaneiro amosan preto de 600.000 persoas vacinadas na comunidade, 30.128 máis que na pasada campaña. Delas, 407.369 pertencen ao grupo obxectivo de maiores de 65 anos, o que equivale a uns índices de cobertura do 59,93% neste colectivo, superando en máis de dous puntos porcentuais os datos dun ano atrás nestas mesmas datas. As taxas de participación máis elevadas, como vén sendo habitual, concéntranse entre as persoas de 75 ou máis anos, con coberturas por riba do 65% obxectivo, e superando incluso o 70% nas provincias de Ourense e Lugo, que rexistran as maiores taxas de participación en todos os grupos.

Os datos de vacinación tamén melloran de xeito destacado entre os traballadores da sanidade, consolidando a tendencia á alza observada xa en exercicios anteriores neste grupo de poboación, prioritario tanto pola súa maior exposición a contaxio como polo seu posible papel como transmisores do virus a persoas en situacións de saúde vulnerables. Cos datos pechados a día 2 de xaneiro, son xa 17.377 os profesionais sanitarios vacinados, 2.480 máis que o número total conseguido na pasada campaña. En Atención Primaria téñense vacinado xa 5.233 profesionais, fronte aos 4.853 do ano pasado. A evolución é máis acusada entre os traballadores da Atención Hospitalaria, con 12.144 vacinados, 2.317 máis que un ano atrás, cun incremento moi notable da participación do persoal de enfermería. Do mesmo xeito, consolídase a implicación na campaña das mulleres embarazadas, cun total de 7.295 xestantes vacinadas, case 800 máis que nas mesmas datas de 2019.

A vacina segue dispoñibleSanidade recorda que aínda están a tempo de vacinarse todas aquelas persoas que o desexen e non o teñan feito. Aínda que a campaña rematou o día 27 de decembro, as doses seguen dispoñibles durante o mes de xaneiro nos preto de 900 puntos de vacinación repartidos por toda a comunidade (centros de saúde e hospitais da rede Sergas, centros sanitarios privados, residencias da terceira idade e outros).

A Consellería insiste na importancia de que as persoas incluídas nalgún dos grupos preferentes renoven a vacinación cada ano, xa que a vacina antigripal non só limita o número de casos de gripe, senón que diminúe as posibilidades de que aparezan formas severas da enfermidade e reduce o risco de complicacións, hospitalización e morte. Desde o comezo da tempada, o 30 de setembro, e ata o pasado luns, 29 de decembro, téñense rexistrado 57 ingresos con gripe confirmada nos hospitais galegos, dous deles en unidades de coidados intensivos. 42 deses pacientes tiñan indicada a vacina, e 28 non estaban vacinados. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre