Inicio Galicia Todas as persoas que acrediten a súa residencia en Ons poderán acceder...

Todas as persoas que acrediten a súa residencia en Ons poderán acceder libremente á illa

0

A Consellería de Medio Ambiente trasladará ao Concello de Bueu que a condición de veciño se poderá demostrar presentando un DNI no que figure como domicilio unha vivenda sita en Ons ou cun certificado de inscrición censal

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda trasladaralle ao Concello de Bueu que todas aquelas persoas que estean en disposición de acreditar documentalmente a súa residencia na illa de Ons poderán entrar e saír libremente da mesma calquera día do ano, incluso cando o cupo límite de visitantes xa estea completo, como sucede esta fin de semana coincidindo coa celebración das festas locais de San Xaquín.

Para acreditar a súa condición de veciño, os interesados deberán presentar no momento de embarcar un DNI no que figure como domicilio algunha das vivendas localizadas en Ons ou ben un certificado emitido polo Concello que avale que figura inscrito no padrón municipal de Bueu nunha vivenda da illa.

Esta información foille comunicada xa hoxe a todas as navieiras que ofrecen o servizo de transporte regular cara ás illas Atlánticas, co fin de garantir o libre acceso a Ons daquelas persoas que teñen a consideración de veciñas e máis alá do cupo de visitantes fixado polo Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) do Parque Nacional para protexer e conservar os seus valores naturais.Á marxe da posibilidade de presentar un DNI ou certificado censal que os acredite como residentes en Ons, cómpre lembrar que todos os titulares das 80 concesións existentes na illa, os seus irmáns e os familiares ata cuarto grao (é dicir, tataravós e tataranetos incluídos) tamén teñen dereito a solicitar ante a Consellería de Medio Ambiente un carné especial que recoñece a súa condición de veciños e os faculta para entrar e saír do arquipélago cando desexen.

Esta foi a fórmula habilitada pola Xunta desde a entrada en vigor do PRUX, que expresamente nun dos seus anexos recolle que “no cómputo das cotas de visitantes que se establecen, quedan excluídos os veciños das illas”. Así, e co fin de garantir e facilitar o acceso libre a Ons a aquelas persoas que, de forma estable ou esporádica, vivan na illa ao longo do ano, a Xunta puxo á súa disposición este carné, no que se lles recoñece a condición de veciños e, polo tanto, os exclúe do cupo de visitantes xeral.

A día de hoxe expedíronse xa para Ons 334 acreditacións deste tipo, un documento que o departamento autonómico tramita de forma gratuíta e en cuestión de horas desde que recibe a solicitude. Por iso, aqueles concesionarios e os seus familiares que aínda non fixeran este trámite, están a tempo de solicitalo para poder acceder á illa durante as festas locais de San Xaquín, que se celebran do 23 ao 25 de agosto.

Así mesmo, tamén hai que lembrar que os titulares de dereitos concesionais en Ons teñen a posibilidade de reservar seis prazas con dereito a pernocta vinculadas a cada vivenda. Nestes momentos, 17 concesionarios xa realizaron os trámites pertinentes para acollerse a esta prereserva, polo que a Xunta ten bloqueadas unhas 200 prazas dentro do cupo xeral para acceder a Ons o venres 23 e o sábado 24, á espera de que os veciños vinculen estas reservas á compra dun billete.

Cómpre precisar que se algunha destas prazas non é finalmente utilizada polos titulares das vivendas –algo que poden facer ata 48 horas antes do día reservado-, volverán a incorporarse ao cupo xeral, de xeito que queden a disposición de calquera persoa interesada en viaxar á illa esta fin de semana. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre