Inicio Galicia Susana López Abella e Valentín García presentan 'O rueiro das liortas', a...

Susana López Abella e Valentín García presentan 'O rueiro das liortas', a nova proposta teatral de 'Nós contra a violencia'

0

Os secretarios xerais da Igualdade e de Política Lingüística deron a coñecer hoxe a nova actividade que ten como obxectivos promover a lingua galega e sensibilizar contra a violencia de xénero, micromachismos e desigualdade


A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentaron hoxe en rolda de prensa O rueiro das liortas, a nova proposta da campaña Nós contra a violencia da Xunta de Galicia que ten como obxectivos promover o uso do galego e sensibilizar contra a violencia de xénero, os micromachismos e a desigualdade no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e co apoio do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade.“Bota a andar en dez concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) esta proposta teatral coa que buscamos, desde os espazos e tempo de lecer das familias, incidir e sensibilizar en contra da violencia de xénero e de calquera tipo de comportamento sexista e a favor, coma sempre, da promoción social da nosa lingua”, sinalou o secretario xeral na súa intervención. “Uns obxectivos de grande importancia para a nosa infancia e mocidade que lle confiamos á Compañía do Elefante Elegante, coa seguridade dun traballo profesional, rigoroso e comprometido co idioma propio de Galicia”, concluíu.

Pola súa banda, a secretaria xeral da Igualdade destacou que esta iniciativa permitirá a difusión de valores como o respecto e a promoción da igualdade entre mulleres e homes, a través tanto das artes escénicas como da creación de material didáctico e formativo en lingua galega.

López Abella indicou en que proxectos como Nós contra a violencia amosan o compromiso transversal da Xunta na loita contra a violencia de xénero e incidiu en que a erradicación desta lacra require o compromiso e a colaboración das institucións e do conxunto da sociedade. Nesta liña, sinalou que mediante a dinamización e a promoción da lingua galega tamén se levarán a cabo accións específicas para a infancia, a mocidade e as familias sobre a prevención e a sensibilización sobre a violencia de xénero con mensaxes positivas e unitarias que impliquen a toda a sociedade.

Xira por dez concellosO rueiro das liortas arranca esta fin de semana unha xira por dez localidades da RDL na que acollerán as primeiras funcións Mondoñedo, o sábado 16, ás 20,00 horas, na Casa da xuventude, e Baiona, o domingo 17, ás 19,00 horas, no Auditorio Municipal. Ata decembro, as seguintes citas serán en Caldas de Reis, Oleiros, Marín, Narón, O Barco de Valdeorras, Guitiriz e Salvaterra de Miño.

Este espectáculo da Compañía do Elefante Elegante baséase na comedia da arte italiana e no teatro popular para promover, desde a óptica escénica, a reflexión sobre a situación desigual da muller na sociedade, ao tempo que se afonda nas relacións de parella e nas dificultades para manter vivo o amor. Dirixida a todos os públicos desde os oito anos de idade, esta comedia iniciática, vista desde unha óptica feminina, combina o dinamismo dos elementos escenográficos que representan diferentes espazos, un actor e unha actriz que interpretan múltiples personaxes e unha nena que fai valer a súa verdade. Ofrece, a maiores, un espazo de reflexión conxunta das persoas asistentes á función a partir dunha conversa posterior cos actores.

Como en todas as actividades para a RDL, a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos programados. Toda a información e calendario completo poden consultarse no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.

Artes escénicas e materiais de sensibilizaciónAdemais da proposta O rueiro das liortas, o programa Nós contra a violencia ofrece, desde a súa posta en marcha no mes de xullo, numerosas propostas escénicas e materiais para traballar en dinamización lingüística e sensibilizar contra a violencia de xénero. Entre elas, os espectáculos Mai Mai, de Baobab Teatro, que finalizou a comezos deste mes unha moi exitosa xira por oito concellos da RDL; Cinco minutos sen respirar, que leva Ítaca Teatro a outros dez ata final de mes, ou O país dos mandóns e Irina Bailarina, que leva Teatro dos Ghazafellos a outras 17 localidades.

Dentro das propostas musicais, a campaña ofreceu o espectáculo A Roda da igualdade: ela e eles, así como obradoiros para pais e nais no marco do proxecto Igual-Son, con música, danza e contacontos, guías educativas sobre prevención da violencia de xénero na mocidade e outros materiais educativos centrados nos riscos e potencialidades das redes sociais e un manual práctico de ferramentas educativas para prever a violencia contra as mulleres, entroutras iniciativas que se irán dando a coñecer nas vindeiras semanas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre