Inicio Galicia Sobe por segundo ano consecutivo o alumnado que estuda galego no Bierzo...

Sobe por segundo ano consecutivo o alumnado que estuda galego no Bierzo e en Sanabria

0

Un total de 1112 estudantes cursan materias de lingua galega no ano escolar en curso, fronte aos 1101 do anterior e os 980 do 2016/2017, ao abeiro do Protocolo xeral de colaboración entre as comunidades galega e castelá leonesa


A comisión de seguimento do Programa de promoción da lingua galega no Bierzo e en Sanabria, asinado polos gobernos galego e castelán leonés no ano 2001, constatou na súa reunión anual de seguimento que sobe por segundo ano consecutivo o alumnado que estuda galego no Bierzo e en Sanabria. Un total de 1112 estudantes seguen no presente curso escolar materias de lingua galega, fronte aos 1101 do anterior. O incremento confírmase nos datos relativos ao ensino infantil e primario (que pasan de 905 matriculados a 927) e tamén nos da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada (que ten este curso 52 alumnos/as fronte aos 44 do anterior). Atendendo aos datos dos tres últimos anos escolares, o incremento desde o curso 2016/2017 (no que 980 alumnos cursaron galego) é de 132 alumnos/as.

A cifra de estudantado é de 1112 e de 19 á dos centros adscritos ao Programa de promoción da lingua galega nestes territorios galegofalantes do exterior, dos que 14 son CEIP ou CRA e catro IES, para alén dunha escola oficial de idiomas. A distribución do alumnado é a seguinte: canto aos centros de secundaria e ensinanzas especiais, os IES adscritos ao programa, estes son o Bergidum Flavium de Cacabelos, o Padre Sarmiento de Vilafranca do Bierzo e os ponferradinos Europa e Virgen de la Encina e mais a Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada.

No caso dos centros de infantil e primaria, en León, CEIP da Quinta Angustia de Cacabelos, CEIP San Ildefonso de Camponaraya, CRA de Carucedo, CRA Jimena Muñiz de Corullón, CRA Cubillos del Sil, CEIP Compostilla de Ponferrada, CEIP Jesús Maestro de Ponferrada, CEIP Virgen del Carmen-La Placa de Ponferrada, CEIP Valentín García Yebra de Ponferrada, CRA del Puente de Domingo Flórez, CEIP Mª Luisa Ucieda de Toral de los Vados, CEIP de Toral de Merayo e CEIP San Lorenzo de Brindis de Vilafranca; e, en Zamora, CEIP Tuela-Bibey de Lubián. En total, 898 estudantes.

Novas iniciativas dinamizadoras nos territorios galegofalantes do exteriorAmbos os dous gobernos amosaron a súa satisfacción pola boa acollida do programa e ratificaron a súa colaboración para reforzalo con novas iniciativas de dinamización lingüística que redunden, a través de actividades específicas, exposicións ou outras, nun maior achegamento do alumnado á lingua e á cultura galegas, así como na incorporación de novos centros de ensino ao devandito programa.

No marco da reunión acordouse facer extensiva a visita de estudos a Galicia, que ata agora vén facendo alumnado do Bierzo, ao alumnado de Lubián; programar unha actividade de dinamización lingüística arredor do Camiño de Santiago e en colaboración coa Junta; e poñer en marcha unha campaña de promoción do programa e de sensibilización dirixida ás familias co obxectivo de poder integrar nel, o curso que vén, o CRA leonés de Vega de Valcarce.

Na xuntanza de seguimento participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a subdirectora xeral deste departamento, María Lourdes Batán; o alcalde de Lubián, Felipe Lubían; o director xeral de Política Educativa Escolar da Junta, Ángel Miguel Vega Santos; e a xefa de Servizo de Ordenación Académica, Títulos e Convivencia da Dirección Xeral de Política Educativa e Escolar, Marta Piñeiro Ruiz; o director provincial de Educación de Zamora, Fernando Javier Prada Antón; e Gerardo Álvarez, en representación do Consello Comarcal do Bierzo.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre