Inicio Galicia Seis empresas galegas do sector da xeotermia logran a certificación de Galicia...

Seis empresas galegas do sector da xeotermia logran a certificación de Galicia Calidade

0

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e o director de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, asistiron á entrega dos distintivos, que tivo lugar durante a presentación da II edición do Manual de Climatización Xeotérmica levada a cabo por Acluxega


A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, o director de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, e o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, asistiron esta mañá en Santiago de Compostela á entrega dos certificados de Galicia Calidade a seis empresas do sector da xeotermia integradas na Asociación Clúster da Xeotermia Galega (Agluxega): Clitecma (Rianxo), Enertra (Pontevedra), Novagal (Ames), Pansogal (Oleiros), Renovables del Atlántico (Nigrán) e Sondeos Nigrán (Nigrán).

O distintivo de Galicia Calidade foi entregado ás novas empresas certificadas nun acto con motivo da presentación da segunda edición do Manual de Climatización Xeotérmica. O novo manual, elaborado polos profesionais de Acluxega coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pon en valor a importancia e a calidade do traballo das empresas que se dedican á xeotermia en Galicia.

Galicia Calidade distingue deste xeito as instalacións de enerxía xeotérmica realizadas por empresas galegas integradas en Acluxega que cumpran os máis altos estándares de calidade, garantía, eficiencia e fiabilidade. O obxectivo desta certificación é xerar confianza, seguridade e satisfacción nos clientes e prescriptores sobre este tipo de enerxía, favorecendo o crecemento do sector.

Galicia posúe o 16,5% da potencia instalada de enerxía xeotérmica en toda España. Trátase dunha enerxía renovable que ofrece un fluxo constante de produción de enerxía ao longo do ano, porque non depende de variacións estacionais.

A certificación de calidade desenvolvida por Acluxega e amparada por Galicia Calidade, permite dotar ás instalacións de climatización xeotérmica dun distintivo que garante o cumprimento duns estándares que superan os establecidos nas normativas vixentes.

Galicia Calidade certifica os produtos e servizos que, pola súa elaboración en Galicia, pola súa materia prima e o seu proceso de produción, cumpran os requisitos establecidos polo selo de garantía.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre