Inicio Galicia Santiago acollerá en novembro un evento europeo sobre innovación e fabricación avanzada...

Santiago acollerá en novembro un evento europeo sobre innovación e fabricación avanzada organizado pola Xunta

0

O encontro reunirá durante dous días a destacados representantes da Comisión Europea, industria e centros de coñecemento e investigación

A Xunta está a organizar para os vindeiros 6 e 7 de novembro en Santiago de Compostela un evento europeo clave no eido da innovación e a fabricación intelixente. O Innovation & Manufacturing Brokerage Event reunirá no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia a representantes da Comisión Europea, que explicarán as diferentes oportunidades de financiamento que ofrece o programa Horizon2020, así como axentes clave da industria, centros de coñecemento, investigadores e outros axentes como o Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI).

O obxectivo do encontro é constituír unha plataforma para o intercambio de coñecemento e o impulso de novos proxectos de I+D+i a escala europea. De feito, a Comisión Europea ten programado o investimento de 200 millóns de euros dentro do programa marco de investigación H2020 ata 2020 para proxectos vinculados con fabricación avanzada, TIC e tecnoloxías dixitais.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) organiza esta xuntanza en colaboración coa Comissão de Coordinação e Desenvolvemento Regional do Norte de Portugal e a Agência Nacional de Inovação de Portugal, no marco da Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal, e coa colaboración da Vanguard Initiative for New Growth through Smart Specialisation, unha rede de rexións europeas creada para impulsar o crecemento económico e social a través da innovación empresarial e industrial, da que forman parte Galicia e Norte de Portugal.

O evento ofrece unha oportunidade idónea para contrastar ideas de proxectos no ámbito da fabricación do futuro, eficiente e sostible. Tamén servirá para establecer colaboracións con socios europeos e, en especial da rexión Norte de Portugal, de cara á presentación de propostas para as convocatorias de programas europeos relacionadas con algunhas das tecnoloxías facilitadoras esenciais, como a nanotecnoloxía, os materiais avanzados, a biotecnoloxía, a fabricación avanzada e outras relacionadas coa dixitalización. O primeiro día centrarase na presentación e debate dos retos futuros para a Industria Europea, así como nas oportunidades de financiamento para a fabricación intelixente que na actualidade ofrece a Comisión Europea, tanto a través do Programa Horizonte 2020 como doutras iniciativas europeas.

A segunda xornada dedicarase a analizar novas ideas de proxecto e o seu encaixe coas convocatorias de financiamento da innovación dispoñibles ata finais de 2020 para fomentar a dixitalización da industria en xeral e a fabricación avanzada en particular. As ideas presentadas poderán ser contrastadas con expertos en H2020 nas temáticas citadas e promoverase a creación de agrupacións transnacionais que faciliten a presentación de proxectos. Os asistentes poderán concertar reunión bilaterais con posibles socios, así como presentar a súa entidade. A RIS3 transfronteirizaEste evento é unha iniciativa organizada no marco da RIS3 Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal coa colaboración da Vanguard Initiative. A Estratexia de Especialización Intelixente da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (RIS3T) é a primeira RIS transfronteiriza da UE. O seu obxectivo é dinamizar a participación da Eurorrexión nas convocatorias europeas de cooperación interterritorial e desenvolver proxectos coordinados para competir con maior éxito na captación de financiamento procedente do Programa Horizonte 2020 e acadar un mellor posicionamento en Europa.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre