Inicio Galicia Sanidade xa vacinou a 398.171 persoas fronte á gripe, o que supón...

Sanidade xa vacinou a 398.171 persoas fronte á gripe, o que supón case 125.000 máis que o ano anterior a estas alturas de campaña

0
image_gallery.jpg

As persoas maiores de 65 anos vacinadas sitúanse tamén en cifras de récord, ao alcanzar as 248.834, é dicir, 52.311 máis que o ano anterior


A Consellería de Sanidade leva vacinadas fronte á gripe a un total de 398.171 persoas, o que supón case que 125.000 máis que o ano anterior a estas alturas de campaña. Así o destacou, en rolda de prensa, José Antonio Taboada, xefe do servizo de control de enfermidades transmisibles da Consellería de Sanidade. Na rolda de prensa tamén interviñeron, de xeito telemático, María Sande, xefa de Medicina Preventiva da área sanitaria de Ourense, e Amparo Rodríguez, presidenta da Asociación galega de pediatría de atención primaria.

José Antonio Taboada sinalou, asi mesmo, que o número de vacinas rexistradas en maiores de 65 anos é de 248.834, o que supón 52.311 máis que as postas a estas alturas na campaña de 2019.

Por áreas sanitarias, o total de vacinas rexistradas ao conxunto da cidadanía galega é de 68.961 na área da Coruña; 30.277 na de Ferrol; 68.470 na de Santiago; 53.277 na de Lugo; 58.298 na de Ourense; 40.680 na de Pontevedra e 77.281 na de Vigo.

As mulleres embarazadas que xa se vacinaron acada a cifra de 3.114, mentres que o ano anterior por estas datas esta cifra era de 2.886.

Outro dato que destacou José Antonio Taboada é a vacinación entre o persoal sanitario, colectivo do que xa se levan vacinadas un total de 24.799 persoas, o que supón máis de 7.000 das que o fixeran en toda a campaña do ano pasado.

Vacinación dos grupos dianaO representante da Consellería de Sanidade sinalou que, nestes primeiros días da campaña, estase a notar un importante incremento da solicitude para a vacinación antigripal en toda a poboación, principalmente nos menores de 65 anos. Ao respecto, o doutor Taboada fixo un chamamento para que se solicite a vacinación en primeiro lugar a aqueles grupos que teñen un maior risco de complicacións pola gripe ou aqueles colectivos que lle poden transmitir a gripe a estas persoas, así como os grupos definidos como esenciais.

Tal e como incidiu José Antonio Taboada, a campaña vaise desenvolver ata o 31 de decembro e non hai unha urxencia sanitaria para vacinarse antes, xa que prevese que a epidemia da gripe non chegue ata mediados de xaneiro. Para este ano, a Consellería de Sanidade adquiriu máis de 200.000 doses con respecto a 2019, pero é importante que se vacinen en primeiro lugar os grupos de risco, -insistiu José AntonioTaboada-.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre