Inicio Galicia Sanidade suaviza as restricións nos concellos de Vedra, O Pino, Mugardos, Viveiro,...

Sanidade suaviza as restricións nos concellos de Vedra, O Pino, Mugardos, Viveiro, Toén e San Cibrao

0

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou en rolda de prensa desta decisión tras a xuntanza do Subcomité clínico, que tamén acordou incorporar os concellos de Cee, Dumbría, Muxía, Ribadumia, Meis e Meaño aos municipios con restricións especiais

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, compareceron hoxe en rolda de prensa para informar sobre as últimas decisións adoptadas polos seus departamentos en materia covid.

O titular do departamento sanitario galego informou sobre o acontecido na xuntanza desta mañá do subcomité clínico de expertos que fai seguimento á evolución de covid-19 en Galicia. Así, referiu que se veñen de levantar as restricións especiais en tres concellos da provincia da Coruña, Vedra, O Pino e Mugardos; noutros dous da provincia de Ourense, Toén e San Cibrao das Viñas; e nun da provincia de Lugo, Viveiro. Nestes concellos rexerán, pois, as medidas de nivel 2.

Así mesmo, os expertos que avalían a expansión do coronavirus na comunidade galega acordaron incorporar os concellos de Cee, Dumbría, Muxía, Ribadumia, Meis e Meaño ao grupo de municipios con restricións especiais.

As medidas serán publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia e entrarán en vigor a partir desta medianoite.

Ademais, cómpre salientar que as localidades de Sarria, Chantada, A Rúa, Petín, Ordes e Ribeira, malia continuar co mesmo nivel de restricións actual, o Subcomité clínico acordou implementar unha observación específica á súa evolución epidemiolóxica.

Medidas nas residenciasO conselleiro de Sanidade referiuse tamén aos cribados nos centros sociosanitarios. Lembrou que xa se realizaron tres roldas con PCR por saliva que, se ben ata o de agora facíanse cada 15 días, van pasar a ser semanais. Tamén incidiu na incorporación dos test de antíxenos para os casos sintomáticos en todas as residencias, e anunciou a implantación dun cribado adicional mediante PCR con toma de mostra nasofarínxea nas chamadas “residencias brancas”, as que non tiveron ningún caso positivo.

A conselleira de Política Social, pola súa banda, sinalou que Galicia segue avanzando na estratexia para a detección temperá de gromos nas residencias sociosanitarias e adaptando as medidas á evolución da evidencia científica. Así, apuntou que o Goberno galego foi pioneiro na implantación de cribados quincenais a todos os traballadores das residencias, e agora estas probas serán incrementadas para tratar de dar unha mellor resposta á aparición de casos.

Así mesmo, Fabiola García sinalou que a Xunta reforzará o actual sistema de inspeccións que realizan de xeito continuo as Consellerías de Política Social e Sanidade. Farao a través dun programa intensivo de auditorías que se realizarán nun prazo récord de 15 días, unha avaliación para comprobar que se está cumprindo cos protocolos e o establecemento de medidas para plantar cara ao virus. O obxectivo, sinalou, é “minimizar ao máximo os riscos de que a covid-19 entre nas residencias”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre