Inicio Galicia Sanidade seguirá avanzando coas sociedades científicas e cos profesionais de pediatría para...

Sanidade seguirá avanzando coas sociedades científicas e cos profesionais de pediatría para buscar solucións consensuadas para resolver o déficit desta especialidade

0

Así o sinalou o titular da carteira sanitaria do Executivo galego, Jesús Vázquez Almuiña, no acto de inauguración do 69 Congreso da Sociedade de Pediatría de Galicia

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, inaugurou hoxe pola tarde, no Hospital Lucus Augusti, o 69 Congreso da Sociedade de Pediatría de Galicia, remarcando que a mellora da calidade asistencial na atención pediátrica é unha prioridade absoluta para o seu departamento e, neste momento que hai un déficit de pediatras a nivel estatal e autonómico, “seguiremos avanzando conxuntamente coas sociedades científicas e cos profesionais na procura de solucións consensuadas”.

Dende a Consellería de Sanidade e o Sergas xa se puxeron en marcha, -subliñou Almuiña-, iniciativas que permitan avanzar na busca de solucións, tales como atrasar a idade de xubilación voluntaria; avanzar na eliminación da figura do pediatra itinerante; solicitar ao Ministerio de Sanidade a ampliación en 6 prazas do número de pediatras en formación MIR e, ademais, convocar periodicamente ofertas públicas de emprego.

Tal e como remarcou o conselleiro, a Estratexia Sergas 2020 recolle unha serie de obxectivos nos que se traballa de xeito progresivo e nos que a colaboración dos pediatras configúrase como un elemento clave para conseguir desenvolvelos. Entre estes elementos, o titular da carteira sanitaria citou a protección e promoción da lactación materna; a potenciación da atención a problemas de saúde mental infanto-xuvenil; a estratexia de abordaxe integral á dor infantil coa posta en marcha do Programa Tolerancia Zero á Dor Infantil; a detección e intervención ante o maltrato infantil; ou a mellora da atención a pacientes con obesidade infantil coa elaboración dun procedemento asistencial integrado.

Para rematar a súa intervención, Almuiña dixo que Sanidade ten xa moi avanzado o desenvolvemento da Guía de actividades preventivas e de promoción da saúde en pediatría de atención primaria, que substitúe á Guía de apoio para o programa do neno san.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre