Inicio Galicia Sanidade remarca que dende o primeiro momento contouse coas entidades locais...

Sanidade remarca que dende o primeiro momento contouse coas entidades locais na toma de decisións na xestión da pandemia por covid

0

O secretario xeral técnico da Consellería, Alberto Fuentes Losada, remarcou no Parlamento de Galicia que, as medidas sanitarias concretas que se adoptaron en concellos e ámbitos territoriais determinados, así como a súa revisión, foron sempre precedidas da necesaria interlocución coas entidades locais afectadas

O secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes Losada, destacou hoxe, no Parlamento de Galicia, que o acordo do Consello da Xunta de 13 de marzo de 2020 de declaración da situación de emerxencia sanitaria en Galicia, dispuxo a constitución do Centro de Coordinación Operativa (CECOP) no que están representados os concellos. Por tanto, -dixo o secretario xeral de Sanidade-, dende un primeiro momento contouse coa presenza e voz das entidades locais na toma de decisións no que se refire á xestión da pandemia.

Conscientes de evolución da pandemia en Galicia, así como da necesidade de coñecer de preto o grao de cumprimento das medidas que se ian adoptando, dende a Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade enviouse unha comunicación á Fegamp, solicitando o seu apoio e colaboración a fin de que trasladase aos concellos a necesidade de informar á poboación das medidas sanitarias vixentes, así como de facer un seguimento e control efectivo do cumprimento das mesmas, no respectivo ámbito territorial, sobre todo no que atinxe ao control do uso das máscaras, distancia interpersoal, aforos en establecementos e evitación de aglomeracións ou concentracións de persoas.

Nesta liña de colaboración e coordinación coas entidades locais en todas aquelas decisións que afectaban ao seu territorio e poboación, Sanidade mantivo xuntanzas, en moitos casos diarias, cos alcaldes e alcaldesas, co obxecto de mantelos informados, en todo momento, sobre a evolución da situación epidemiolóxica, os gromos detectados, as medidas necesarias para atallar a propagación dos contaxios e protexer a saúde da poboación no seu ámbito territorial, nos casos que resultou necesario por mor da incidencia en determinadas áreas ou núcleos.

Segundo sinalou o secretario xeral de Sanidade, a evolución da pandemia afectou en distintos graos ás poboacións, polo que houbo que ir establecendo medidas concretas adaptadas aos niveis de contaxio e exposición nos distintos núcleos de poboación. Para asegurar a eficacia das medidas resulta imprescindible, -dixo Alberto Fuentes-, un contacto directo e intercambio fluído de información coas entidades locais atinxidas.

Necesaria interlocuciónSegundo remarcou o representante da Consellería de Sanidade, aquelas medidas sanitarias concretas que se adoptaron en concellos e ámbitos territoriais determinados, así como a súa revisión, foron sempre precedidas da necesaria interlocución coas entidades locais afectadas, seguindo a evolución dos contaxios e as recomendacións do subcomité clínico correspondente.

O secretario xeral subliñou, así mesmo, que todas as medidas adoptadas en relación cos núcleos de poboación das distintas entidades locais atinxidas foron integramente ratificadas pola autoridade xudicial competente.

En todos os concellos nos que se adoptaron medidas con carácter particular, o contacto coas entidades locais foi case que diario, tendo en conta que cómpre coordinar os servizos sanitarios da área e outros dispositivos de seguridade e emerxencias, así como establecer os mecanismos necesarios para facer un seguimento puntual do cumprimento das medidas adoptadas, o que implica un intercambio fluído de información.

Na súa intervención, Alberto Fuentes aproveitou a ocasión para deixar constancia da colaboración amosada pola práctica totalidade dos concellos, así como a súa disposición no seguimento e control das medidas adoptadas, poñendo os seus medios persoais e materiais ao servizo do ben común e a seguridade da súa veciñanza, implementando os protocolos sanitarios necesarios nas instalacións, espazos e servizos da súa titularidade, e asumindo o compromiso necesario para progresar na superación desta situación sanitaria.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre