Inicio Galicia Sanidade realizará nos centros residenciais cribados de todos os profesionais cada 14...

Sanidade realizará nos centros residenciais cribados de todos os profesionais cada 14 días

0
image_gallery.jpg

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe, no Parlamento de Galicia, que nos novos cribados utilizarase para os profesionais das residencias a técnica de pooling, o que posibilitará realizar a procura de casos noutros colectivos poboacionais dun xeito máis áxil


O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, sinalou hoxe, no Pleno do Parlamento, que as garantías para a reactivación da sociedade só se poden dar se dotamos ao noso sistema sanitario dun método de vixilancia e prevención que posibilite a detección precoz da covid, para o que é indispensable a realización de probas de detección de infección en determinados colectivos estratéxicos.

Tal e como sinalou o titular da carteira sanitaria, o seu departamento en colaboración con outras consellerías da Xunta, está a realizar cribados en colectivos profesionais. Así, ademais de aos propios profesionais dos centros sanitarios e das residencias, fíxose cribado a todo o persoal docente e non docente, da educación primaria e secundaria de centros públicos e concertados; profesionais das escolas infantís; temporeiros de tarefas agrícolas; Forzas e Corpos de seguridade, tanto os nacionais como as policías locais ou a policía autonómica; e persoal de prevención e extinción de incendios forestais.

Ademais, realizamos, -dixo o conselleiro-, a procura activa de casos en grupos de risco da poboación xeral, tanto por ser persoas máis vulnerables, no caso de usuarios de residencias, como por ser portadores asintomáticos na cadea de transmisión, como é a mocidade.

ResultadosTal e como destacou García Comesaña, os resultados dos diferentes cribados reportan, no momento actual, que, no relativo aos colectivos profesionais antes sinalados, teñen a proba realizada 48.689 persoas, que supoñen o 82,2% do total, cunha porcentaxe do 0,3% positivos.

No relativo á mocidade, estase a levar a cabo a procura nas áreas sanitarias da Coruña e Santiago, tendo previsto abarcar a máis de 63.000 persoas. No momento actual, lévanse realizadas o 40% das mesmas, cunha porcentaxe do 0,6% de positivos.

O conselleiro dixo que Sanidade segue a traballar cos expertos clínicos para tentar adiantarse á pandemia, reforzando os cribados e a procura activa de casos, innovando en tecnoloxía e buscando alternativas de xestión de gromos máis flexibles. Con esta finalidade, Galicia continuará cribando colectivos profesionais en función das necesidades que xurdan. No caso dos centros residenciais, realizaremos, -dixo García Comesaña-, o cribado de todos os profesionais (15.500 aproximadamente), cada 14 días.

O responsable sanitario lembrou que, dende o inicio da pandemia, realizáronse dous cribados nas residencias. A primeira mostraxe comezou o 2 de abril e rematou o 6 de maio. En total, detectáronse 1.161 residentes e 460 profesionais coa proba positiva. A segunda mostraxe comezou o 22 de xuño e rematou o 22 de xullo. En total, detectáronse 2 profesionais coa proba positiva.

Como novidade, García Comesaña destacou que, nos novos cribados, utilizarase para os profesionais das residencias a técnica de pooling con recollida de mostra de saliva, o que posibilita a autotoma. Esta técnica vainos permitir realizar a procura de casos noutros colectivos poboacionais dun xeito máis áxil.

No caso dos residentes, realizarase unha mostraxe aleatoria cada 14 días en todas as residencias de Galicia, que son aproximadamente uns 300 centros. Esta mostraxe, -dixo o conselleiro-, baséase nun modelo matemático que incorpora parámetros que obxectivan a incidencia da covid en cada área e que permite modificar o número de mostras recollidas en función da situación epidemiolóxica.

Con estes cribados poderemos previr e vixiar a infección por covid así como a toma de decisións adaptadas á realidade da poboación en cada momento, -remarcou García Comesaña-.

Galicia, entre as comunidades que detectan máis casos en asintomáticosEn relación a outra das cuestións abordadas no Parlamento de Galicia, o conselleiro de Sanidade sinalou que a porcentaxe de casos covid-19 detectados en Galicia que corresponde a persoas que non presentaban síntomas é de arredor dun 66%, fronte á media nacional dun 53%. Este dato sitúa a Galicia como unha das tres comunidades autónomas que detectan máis casos de covid en persoas asintomáticas.

Ademais, Galicia sitúase na media nacional cun total de 3 contactos identificados por caso. Neste senso, García Comesaña destacou que hai que continuar traballando “sen dúbida debemos mellorar neste punto, pero probablemente esa mellora se obteña da revisión continua á que está sometido este proceso de rastrexo, e que cada vez afina máis e consigue localizar a máis positivos a tempo e frear a cadea de contaxios”.

O conselleiro de Sanidade afirmou que a detección e rastrexo de casos en Galicia é un proceso integrado do traballo que están facendo moitos profesionais do sistema sanitario público de Galicia aos que agradeceu a súa implicación. Todos os datos obtidos remítense ao sistema de vixilancia epidemiolóxica, denominado VIXIA, que está integrado no sistema de historia clínica e que permite a todos os profesionais sanitarios que traballan no sistema de rastrexo coñecer a situación de cada paciente e a evolución das persoas do seu entorno.

García Comesaña explicou que se trata dun traballo que están a facer os profesionais da Central de seguimento que realizan as enquisas e o seguimento diario telefónico durante a corentena; os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública e os traballadores sociais. En paralelo, neste proceso tamén participa o persoal de Atención Primaria, que elabora a valoración clínica de todos os contactos que manifestan síntomas e fai o seguemento das persoas en domicilio; o persoal dos servizos de medicina preventiva de todas as áreas sanitarias que fan o seguimento e control dos positivos hospitalizados e do persoal sanitario ou o persoal dos servizos de vixilancia epidemiolóxica que fai seguimento de cada gromo.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre