Inicio Galicia Sanidade presentará a vindeira semana unha Guía de atención no proceso de...

Sanidade presentará a vindeira semana unha Guía de atención no proceso de morte e dó xestacional e perinatal

0

A guía incorpora as recomendacións do Consello Galego de Bioética

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, dixo hoxe, no Pleno do Parlamento de Galicia, que o seu departamento xa ten rematada a Guía de atención no proceso de morte e dó xestacional e perinatal, que suporá unha clara mellora da calidade asistencial neste doloroso proceso. A guía será presentada nas XIII Xornadas de saúde perinatal e reprodutiva que se van celebrar na Escola Galega de Administración Pública a vindeira semana.

O documento publicarase no portal da Consellería de Sanidade e farase unha comunicación ás asociacións de pacientes, colexios profesionais, asociacións científicas e as xerencias das áreas sanitarias, para que informen a profesionais e poboación.

A guía, que incorpora as recomendacións do Consello Galego de Bioética, é, segundo o conselleiro, un documento de calado que pretende mellorar a asistencia nun momento difícil na vida das persoas e familias que sofren esta situación. A guía segue a liña marcada na Estratexia de Humanización da Asistencia Sanitaria da Consellería de Sanidade.

Segundo remarcou o conselleiro, a guía ten como obxectivo homoxeneizar a atención profesional nestes casos e proporcionar ferramentas útiles aos profesionais involucrados na atención no proceso de morte xestacional ou perinatal, orientando os coidados e facilitando a súa adaptación ás necesidades de cada muller e a súa parella e familia.

Tamén proporcionará información para unha atención máis humanizada que favoreza un ambiente afectivo e empático para axudar á muller, parella e familia a aceptar a realidade e facilitar a elaboración do dó.

Xunto ao anteriormente sinalado, potenciará a autonomía da muller na toma de decisións, ofrecendo información veraz e de calidade acerca das opcións terapéuticas, xestións a realizar, ou documentación que cumprimentar. Sinalar, tamén, que permitirá facilitar a continuidade de coidados entre o persoal de atención primaria e hospitalaria e previr os transtornos derivados dos dós patolóxicos e crónicos e cando estes aparecen darlles o soporte oportuno.

Profesionais de todas as categoríasNa súa intervención, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego destacou e agradeceu o labor dos profesionais de todas as categorías que traballaron na elaboración da guía. Este grupo estivo formado por médicos de familia, pediatras de atención primaria e de hospitalaria, psiquiatras, psicólogos, médicos especialistas en xinecoloxía e obstetricia, pacientes e profesionais que viviron esta situación, así como técnicos do Sergas, matronas e persoal de enfermería.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre