Inicio Galicia Sanidade presenta o proceso asistencial integrado de esclerose múltiple no que se...

Sanidade presenta o proceso asistencial integrado de esclerose múltiple no que se establece un protocolo común en toda Galicia para a súa detección temperá

0

A nosa comunidade é referencia a nivel nacional no tratamento desta enfermidade, xa que dispón dun dos 12 centros de referencia estatal


O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, presentou hoxe o Proceso Integrado de Esclerose Múltiple, elaborado pola Consellería de Sanidade e pola de Política Social e, en representación dos pacientes, pola Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM). Segundo sinalou Almuiña, entre os aspectos máis importantes do documento, presentado con motivo da conmemoración mañá do Día Nacional da Esclerose Múltiple, está o establecemento dun protocolo común en toda Galicia para a detección temperá, con formación para os profesioinais en atención primaria durante o próximo ano.

O conselleiro agradeceu aos profesionais médicos e persoal de enfermería tanto de atención primaria como hospitalaria a súa implicación na elaboración do documento, e remarcou que o seu departamento seguirá a apostar pola incorporación das novas tecnoloxías, de xeito que elaborarase un perfil de teleasistencia mediante a plataforma TELEA, para que as persoas que así o desexen poidan ser seguidas dende os seus domicilios sen ter que desprazarse ata o seu centro sanitario.

Así mesmo, inclúese o procedemento para a implementación deste proceso asistencial en cada área sanitaria, de xeito que sexa unha realidade no prazo máis breve posible.

O documento tamén contempla o procedemento para a solicitude da avaliación da discapacidade e un catálogo de prestacións que ofrecen os servizos sociais. Asemade, conta cun catálogo accesible tanto para os profesionais como para pacientes, que permite coñecer os recursos dispoñibles máis preto do domicilio.

Nestes momentos, -referiu o conselleiro-, os dous ámbitos de tratamento son o farmacolóxico e o rehabilitador. Así, nos últimos anos, están a aparecer novos fármacos que conseguen modificar o curso da enfermidade, reducindo a frecuencia e severidade dos brotes. Na actualidade, dispoñemos na nosa Comunidade dos 11 tratamentos modificadores da enfermidade autorizados en España, -subliñou-. Galicia, referencia a nivel nacionalAlmuiña destacou que a esclerose múltiple é unha enfermidade especialmente prevalente en Galicia con ao redor de 150 pacientes por 100.000 habitantes, o que sinala que hai algo máis de 4.000 galegos afectados.

Na súa intervención, o titular da carteira sanitaria remarcou que Galicia é referencia a nivel nacional no tratamento deste enfermidade. De feito, a nosa comunidade dispón dun dos 12 centros en esclerose múltiple de referencia nacional no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, dende o ano 2012.

Sinalar que a Consellería de Sanidade xa presentou, hai agora un ano, o proceso asistencial integrado para a esclerose lateral amiotrófica.

No acto de hoxe tamén interviñeron o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal; o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social, Ildefonso de la Campa; así como o doutor José María Prieto, presidente da Sociedade Galega de Neuroloxía e neurólogo do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, e Teresa González, vicepresidenta de FEGADEM. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre